· Os máis de 80 participantes teñen idades comprendidas entre os 5 e os 80 anos.
· Esta disciplina que se xoga ó aire libre, pasará ao pavillón do IES de Poio no caso de choiva.
A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), ven de recibir a Luz Fontán, presidenta do Armadiña Billarda e mailo vicepresidente, Marcos Padín na presentación da 4ª Xornada da Liga Atlántica de Billarda 22-23 que terá lugar o vindeiro sábado 15 de outubro ás 16.00 no Campo da Reiboa, coa organización da ACDeM Armadiña e a Asociación Billarda “Rías Baixas”.
“O Concello de Poio está moi implicado na práctica da billarda, ten unha grande canteira no municipio e moitos seareiros, xa que contamos co primeiro campo oficial de billarda do país”, sinalou Caldas. Pola súa banda Luz Fontan, presidenta do Billarda Armadiña destacou “os valores igualitarios desta disciplina deportiva tradicional, que conta cunha paridade pouco frecuente noutros deportes”. As xornadas que serán ao aire libre no Campo da Reiboa, pasarán ao pavillón do IES de Poio no caso de choiva.
Os 6 equipos de billarda da Conferencia Rias Baixas desta disciplina tradicional contarán en total con máis de 80 participantes con idades comprendidas entre os 5 e os 80 anos, con trofeos nas categorías Absoluta, Feminina e Infantil. A liga de billarda xa comezou en setembro, e este sábado será a primeira xornada que se xoga en Poio, a segunda, xa en abril. En xuño será a final autonómica que se celebrará en Santiago de Compostela o 25 de xuño da man da Federación Galega de Deporte Autóctono.



