Escolares e público en xeral poderán visitar desde o domingo o “Parque de Prevención” onde coñecerán os servizos públicos de emerxencia e aprenderán a previr e actuar correctamente en caso de incendios
“Tratamos de potenciar a filosofía de que que máis vale previr que lamentar, neste caso aplicado aos incendios urbanos”, explicou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O Concello de Ourense, xunto co Instituto de Prevención, Saúde e Medio Ambiente da Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) organizan a 1ª Semana da prevención de incendios no Concello de Ourense, que se desenvolverá desde pasado mañá, domingo, día 16, até o martes, 18 de outubro.
Esta iniciativa ten como finalidade achegar á cidadanía os servizos de emerxencia dos que dispón o Concello, co afán de inculcar unha conducta preventiva no seu comportamento diante de calquera posible situación de emerxencia en xeral, e moi especialmente no caso dos incendios no ámbito urbano.
Durante 3 días, escolares e público en xeral poderán achegarse á Praza Maior, visitar a infraestrutura disposta pola Fundación Mapfre, a APTB e os puntos dos diferentes Servizos de Emerxencia (Bombeiros, Protección Civil, Policía Local, T.E.S. Galicia, Guardia Civil e Policía Nacional), e resolver dúbidas e aprender como actuar da maneira o máis rápida e eficiente posible en caso de emerxencias, antes da chegada do auxilio. Tamén visitarán a “Casa do Fume”, un simulador que recrea unha vivenda de varias habitacións onde aprenderán como escapar dun incendio.
“Tratamos de potenciar a filosofía de que que máis vale previr que lamentar, neste caso aplicado aos incendios urbanos”, explicou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na rolda de prensa de presentación da actividade, na que tamén participaron Antonio García Infanzón, da Área de Prevención e Seguridade Viaria de Fundación MAPFRE e Carlos García Touriñán, director de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña e presidente da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB)
O domingo, 16 de outubro abrirán ao público as xornadas, para que a cidadanía poida visitar a infraestrutura disposta pola Fundación Mapfre, APTB e os diversos puntos dos colaboradores de Bomberos, Protección Civil, Policía Local, T.E.S. Galicia, Guardia Civil, Policía Nacional, etc. As xornadas de atención ao público asistente para a divulgación formativa en materias de prevención será de 10 a 14h, e de 17 a 20h
O luns, 17 de outubro haberá visitas programadas de grupos de escolares, de 9 a 14h e visitas da cidadanía en xeral de 17 a 20h.
O martes, 18 de outubro continuarán as visitas programadas de grupos de escolares, de 9 a 14h e da cidadanía en xeral, de 17 a 20h. Tamén ese día, pola mañá, terá lugar un imulacro de incendio e evacuación do edificio da Casa do Concello, de 11:30 h. a 12:00 h.



