O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta tarde no acto celebrado en Ourense
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou hoxe na IX Noite da Enerxía que se celebrou en Ourense, onde destacou o papel que eventos como este teñen na visibilización do proceso de transición enerxética en Galicia.
O director xeral ratificou o compromiso da Xunta de Galicia co sector enerxético a través do impulso das enerxías renovables, a mellora da eficiencia enerxética, ou a introdución da innovación a través das diferentes liñas de axudas a disposición de fogares, empresas e administracións.
Fernández Vila, que defendeu o papel exemplarizante que teñen que ter as administracións, referiuse ao Plan de Aforro e eficiencia enerxética no sector público que desenvolve o Goberno galego. Tal e como explicou, grazas ao traballo dos últimos anos, Galicia xa supera algúns dos obxectivos establecidos a 2030 polo Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 (PNIEC), como a contribución das fontes de enerxía renovable ao consumo de enerxía final fixado no 42% e que Galicia xa superou 10 anos antes, en 2020, co 46,2%; ou a contribución destas fontes na xeración de enerxía eléctrica establecido no 74% e que en 2020 xa foi do 74,2% na nosa Comunidade.
O director xeral, que felicitou aos premiados no evento, agradeceu o seu labor a todos os axentes que fan posible que Galicia sexa un referente en enerxía renovable.



