- Terá unha superficie útil de 1.500 metros cadrados e incorporará novas estancias e consultas
- O Concello de Soutomaior segue dando pasos cara á construción do seu novo centro de saúde. Esta mañá, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde, Agustín Reguera, asinaron o convenio de colaboración que regulará a construción do novo ambulatorio. Durante o encontro, confirmouse que o centro contará con 15 profesionais no seu persoal e adiantáronse varios detalles sobre como a súa configuración.
- Así, tras a firma do convenio, o conselleiro apuntou varias das melloras que o novo centro ofrecerá en relación ao actual. Neste sentido destacou que se multiplicará por tres a superficie útil do ambulatorio ata chegar aos 1.500 m2, contará cunha sala de técnicas para os pacientes en observación, zona de espera materno-infantil diferenciada da xeral e unha sala polivalente que permitirá axustar as posibilidades do centro a situacións puntuais de maior demanda.
- Do mesmo xeito, García Comesaña anunciou que o novo ambulatorio permitirá incorporar dúas novas consultas, unha de medicina de familia e outra de enfermería. “Unha ampliación de persoal solicitado polo goberno local e avalada polo número de pacientes por profesional que ten o centro”, indicou o conselleiro.
- Pola súa banda, Reguera agradeceu ao conselleiro o seu compromiso para sacar adiante este proxecto no menor tempo posible e “atender as necesidades de Soutomaior”. Do mesmo xeito, mostrouse convencido de que o novo centro de saúde permitirá “que os nosos veciños teñan a sanidade que necesitan e que merecen. Desde o Concello estamos a traballar ao máximo para que o novo ambulatorio sexa unha realidade canto antes”, concluíu o rexedor.



