• O músico máis novo, Sergio Bouzas, e o de maior idade, Santiago Lamas, foron os encargados de descubrir a placa
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os tenentes de alcalde Fernando Vázquez e Lourdes Ovelleiro presidiron o acto de inauguración da Praza da Música, adicada ás Bandas de Música de Cerdedo, que se ubica no espazo público anexo á Escola de Música de Cerdedo. O evento produciuse no transcurso das I Xornadas das Músicas da Terra de Montes organizadas para o día de hoxe por Rubén Troitiño e que terán continuación o vindeiro sábado 22 de outubro en Forcarei.
O acto oficial de inauguración da Praza da Música contou coa presenza dos músicos que conforman a actual Banda de Música de Cerdedo e, de feito, o integrante máis novo desta agrupación, Sergio Bouzas e o de maior idade, Santiago Lamas, foron os encargados de descubrir a placa conmemorativa que se atopaba cuberta pola bandeira galega.
Momentos antes de proceder á inauguración oficial da praza, tomou a palabra Rubén Troitiño, organizador das I Xornadas das Músicas da Terra de Montes, quen visiblemente emocionado lembrou a todas aquelas persoas que fixeron posible a creación das bandas de música de Cerdedo e enxalzou a vocación musical do municipio de Cerdedo-Cotobade.
Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, agradeceu o traballo organizativo de Rubén Troitiño para conseguir a celebración destas xornadas e salientou o importante labor que levan a cabo o director e mestres da Escola de Música de Cerdedo así como os pais que sempre acompañan a formación e a actuación dos compoñentes desta Banda que leva o nome do concello por todo o territorio.
Cubela trasladoulle a todos e cada un dos compoñentes da Banda de Música de Cerdedo o orgullo que sinten os veciños e veciñas deste municipio polo labor que realizan e polo exemplo que supoñen para a mocidade. O alcalde salientou tamén o labor que fan outras agrupacións musicais de características similares no municipio así como a gran tradición musical das agrupacións folclóricas, grupos de baile, etc.
Para rematar o acto, a Banda de Música de Cerdedo, baixo a dirección de José Luís Loureiro interpretou o himno galego e unha peza máis do seu variado e completo repertorio que foi agradecida con aplausos polos representantes do Concello e polo público presente.
CONTINUACIÓN DAS XORNADAS DAS MÚSICAS DA TERRAS DE MONTES
Este acto de inauguración inclúese no programa das I Xornadas das Músicas da Terra de Montes que comezaron ás 10 horas da mañá coa celebración dun obradoiro sobre introdución á tecnoloxía, mantemento e reparación dos instrumentos de vento madeira impartido por Pablo Pascual.
Pola tarde, entre as 16:30 e as 19:15 horas, no Centro Multisocial (Centro Cultural de Cerdedo) terá lugar unha exposición baixo o título xenérico de “As Bandas de Música de Cerdedo”. Entre as 18 e as 19 horas, no Centro Multisocial (Centro Cultural de Cerdedo) terá lugar a conferencia “As Bandas de Música de Cerdedo”, impartida por Manuel Campos.
Como remate desta xornada, ás 19:30 horas, aproximadamente, dará comezo no Auditorio do Centro Cultural de Cerdedo un concerto presentado por Teresa Cuíñas e protagonizado polas bandas de música de Forcarei e Cerdedo.



