HomePontevedraCampo LameiroO concello de Campo Lameiro aproba por unanimidade ampliar as axudas por...

O concello de Campo Lameiro aproba por unanimidade ampliar as axudas por fillo nado e empadroado no municipio

- Anuncio -spot_img

A proposta do alcalde o primeiro fillo recibirá unha achega de 900 euros pagadeiros en dúas anualidades; o segundo 1.100 euros; o terceiro 1.300 euros; o cuarto e seguintes, 1.500 euros.

O Pleno Extraordinario da Corporación Municipal aprobou a proposta do alcalde de ampliación da axuda de natalidade por fillo nado e empadroado en Campo Lameiro para o vindeiro ano. Así, os concelleiros votaron, por unanimidade, a favor desa proposta o que suporá que o Concello abonará unha axuda de 900 euros en dous anos (450 euros cada ano por un máximo de dous) polo primeiro fillo; 1.100 polo segundo (550 durante os dous anos de vigor da axuda); 1.300 polo terceiro (650 cada ano) e 1.500 polo cuarto (750 por ano) e seguintes.

A proposta aprobada polo Pleno persegue un dobre obxectivo, segundo manifestou o alcalde Carlos Costa, “por unha banda, nestes momentos de especial dificultade económica, axudar a aquelas familias que se decidan a ter un fillo e pola outra favorecer o empadroamento no noso municipio xa que é un incentivo para que moitos mozos que teñen familia aquí volvan a residir e empadroarse en Campo Lameiro e, ao mesmo tempo, animar a aquelas persoas que queiran formar unha familia poidan facelo con maiores facilidades no noso municipio”.

Esta decisión permitirá multiplicar os incentivos á natalidade e ao empadroamento en Campo Lameiro xa que a ordenanza que estaba en vigor contemplaba unha axuda única de 500 euros por nacemento, pero agora amplíanse a máis posibilidades como é si se trata dun segundo, terceiro, cuarto ou máis fillos con cuantías maiores.

OBRIGADOS A ESTAR EMPADROADOS UN MÍNIMO DE 3 ANOS

Por outra banda, un dos requisitos obrigatorios fixados pola Corporación para poderse beneficiar desta axuda orientada a favorecer a natalidade e o empadroamento no concello de Campo Lameiro é que os dous proxenitores ou adoptantes estean empadroados no momento de nacer a criatura e deberán continuar inscritos no rexistro municipal durante os 3 anos seguintes ao nacemento do bebé. Para as familias monoparentais rexerá o mesmo criterio.

O Pleno Extraordinario tamén aprobou por unanimidade unha reasignación de fondos municipais por importe de 244.770 euros para atender novas necesidades que debe atender así como a modificación da ordenanza fiscal de taxas por dereitos de exames de acceso a algún posto de traballo municipal que quedan finalmente establecidas en 60, 50 e 40 euros, respectivamente, en función da categoría do posto a cubrir.

Publicacións Relacionadas