― Dita actividade, que contará con vehículos de apoio en ruta, descorrerá por un trazado específicamente deseñado polos profesionais da unidade para exercitar de xeito saudable e controlado as capacidades físicas dos participantes
― Dende marzo de 2021 a Área Sanitaria dispón desta unidade que atende cada ano a arredor de 200 pacientes aquexados con certas patoloxías cardiolóxicas e que previamente superaron probas de ergometría e esforzo, sempre baixo a supervisión de persoal especializado
Medio centear de pacientes, acompañados por dous cardiólogos, un médico rehabilitador, unha enfermeira e tres fisioterapeutas da unidade de Rehabilitación Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra efectuarán durante a xornada do vindeiro venres 21 de outubro unha andaina cardiosaudable que sairá ás 9 horas da rotonda do hospital Montecelo de Pontevedra ata o santuario dos Milagres de Amil, en Moraña.
Dita actividade, que contará con vehículos de apoio en ruta, descorrerá por un trazado específicamente deseñado polos profesionais desta unidade para exercitar de xeito saudable e controlado as capacidades físicas dos participantes na andaina.
Cómpre lembrar que dende marzo do ano 2021 a Área Sanitaria dispón da unidade de Rehabilitación Cardíaca que atende cada ano a arredor de 200 pacientes aquexados con certas patoloxías cardiolóxicas e que previamente superaron probas de ergometría e esforzo, sempre baixo a supervisión de persoal especializado.
Cunha área de actividade rehabilitadora emprazada no cuarto andar do hospital Montecelo, a unidade traballa en coordinación interdisciplinar dos servizos de Cardioloxía e de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, que aportan os programas asistenciais e coordinan a actividade dun cadro profesional conformado por un facultativo de Cardioloxía, un facultativo de Rehabilitación, dous graduados en Fisioterapia e un enfermeiro.
350 casos anuais de cardiopatías isquémicas de baixo risco
Dende o servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra,sinalan que na Área Sanitaria aténdense máis de 350 casos anuais de cardiopatías isquémicas, polo que a aportación da unidade de rehabilitación cardíaca incrementa a calidade de vida dos enfermos e colabora a mellorar os prognósticos.
Para efectuar esta labor asistencial, na unidade de Rehabilitación Cardíaca cóntase co traballo coordinado con Rehabilitación, Enfermaría e Fisioterapia, que aportan técnicas multidisciplinares que inciden nas pautas de control dos factores de risco e no adestramento físico destes pacientes.



