― Máis de 200 delas foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron en 30 casos un cancro de mama
― No Distrito Sanitario de O Salnés, este Programa iniciou as exploracions o pasado 6 de outubro e prevé explorar a 9.500 mulleres ata decembro de 2023
O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama -xestionado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade- explorou na Unidade de Exploración de Pontevedra entre xaneiro e setembro deste ano 2022 a un total de 8.304 mulleres de 50 a 69 anos da comarca -un 82% da poboación diana do programa-. Desa cifra, máis de 200 mulleres foron posteriormente remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron en 30 casos un cancro de mama.
No que atinxe ao Distrito Sanitario de O Salnés, o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama prevé explorar entre outubro de 2022 –comezouse o pasado día 6- e decembro de 2023 a un total de 9.500 mulleres -arredor do 85 % da poboación diana do programa nesta comarca- e froito desa iniciativa preventiva se estima poder detectar ata 31 patoloxías malignas entre mulleres arousás.
O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama modernizou gradualmente a súa estrutura asistencial cara a mellorar as taxas de participación das mulleres nesta iniciativa preventiva. Así, se crearon unidades fixas en hospitais comarcais da xeografía galega, o que permitiu avanzar no proceso de integración do programa no sistema asistencial, unha mellora da oferta dos hospitais comarcais cun novo servizo á súa poboación, a racionalización na utilización de recursos e a mellora na calidade asistencial percibida polas mulleres.
Unidades en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo
A infraestrutura asistencial do Programa na provincia de Pontevedra conta con unidades de exploración no centro de saúde de A Parda en Pontevedra, no Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa e no Hospital do Meixoeiro en Vigo, onde se realizan as probas mamográficas. Tamén contan coas unidades de avaliación radiolóxica, que centralizan a lectura das mamografías e, por último, as unidades de diagnóstico e tratamento, que están integradas polas consultas de Cirurxía e/ou Xinecoloxía dos hospitais públicos da rede do Servizo Galego de Saúde.
A lectura das mamografías centralízase nas unidades de avaliación radiolóxica, formadas por especialistas que pertencen aos Servizos de Radioloxía dos Complexos Hospitalarios Universitarios de Pontevedra e de A Coruña. Así mesmo, tamén funciona unha unidade de avaliación radiolóxica dependente do Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario Lucus Augusti de Lugo.
A alta calidade da avaliación radiolóxica garántese pola experiencia dos radiólogos na lectura destas probas e porque as mamografías de cada muller as léen dous radiólogos de xeito independente, co que se asegura a máis correcta interpretación das imaxes radiolóxicas.
Os principais obxectivos do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama buscan primordialmente a redución nun 25% da mortalidade por esta doenza nas mulleres. Así mesmo, cada ano preténdese acadar unha participación cercana ao 70% das mulleres que se citan, asegurar a estrutura axeitada para o seguimento das mulleres que deron positivo na proba e continuar a elaboración e mantemento do sistema de información deste Programa.
O diagnóstico precoz aumenta as posibilidades de curación
A Consellería de Sanidade incide na relevancia dun diagnóstico precoz, xa que aumenta ata o 90% as posibilidades de curación, porcentaxe que sobrepasa o 95% cando o diagnóstico se realiza antes de que se faga invasivo.
A citación das mulleres na provincia de Pontevedra é persoal e por Concellos, cara a garantir a periodicidade de dous anos do cribado en cada municipio. Dita citación envíase por carta de dez a quince días antes da cita, e nela, especifícase o lugar, día e hora en que se debe acudir á realización da proba mamográfica.
Na mesma carta, facilítase un número de teléfono -o 981.14.14.14- ao que se poden dirixir ás usuarias para se informar sobre cambios de domicilio, solicitar información, ou realizar cambios de cita.
Se a proba resulta negativa, as mulleres reciben o resultado por carta personalizada, recomendándolles seguir no Programa de Cribado e convidándoas a repetir o estudo ao cabo de dous anos. No caso de que sexa necesario realizar máis probas para chegar a un diagnóstico, infórmase á muller por carta certificada e con xustificante de recepción. Nesa misiva, facilítaselles unha cita para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento e un teléfono de atención directa.



