A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa sesión desta mañá interpoñer recurso contra a resolución do Ministerio de Transporte que requiriu o reintegro da subvención que lle fora concedida ao Concello para executar as obras de rehabilitación da Praza de Abastos número 1 de Ourense. Na sesión, ordinaria desta semana, a xunta local abordou un total de 19 asuntos presentados polos diferentes servizos municipais
Asesoría xurídica (1)
Exercer as accións legais que correspondan e, en concreto, interpoñer recurso contencioso administrativo contra a resolución de 29 de xullo de 2022 do director de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana pola que se acorda o reintegro da subvención concedida para a reforma e rehabilitación da Praza de Abastos de Ourense.
Licenzas (4)
Desestimar varios recursos de reposición interpostos contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 16 de setembro do 2021, polo cal se concedeu a licenza urbanística de obra para o proxecto de construción de instalación de estación de servizo na rúa Marcelo Macías
Conceder unha licenza de obra para proxecto de reforma da cuberta da vivenda unifamiliar na rúa Maior de Seixalbo
Denegar unha licenza urbanística de obra para proxecto básico e de execución para a instalación de ascensor nun edificio de vivendas na rúa Santa Eufemia
Estimar a solicitude dunha particular de declarar a innecesariedade de licenza urbanística de segregación de 2 vivendas na rúa Luis Pimentel
Contratación (6)
Acordar a prórroga por 1 ano do contrato do servizo de desratización, desinsectación e desinfección do Concello de Ourense,
Aprobar o expediente para o alleamento de 32 vehículos do parque móbil do Concello, restrinxido a Centros Autorizados de Tratamento de Vehículos, coa correspondente aprobación do prego de cláusulas administrativas. Disponse a apertura do procedemento de adxudicación, mediante poxa.
Adxudicar o contrato do servizo de atención, control e prestación de primeiros auxilios nos espazos termais de uso lúdico de Burga de Canedo e Outariz, de acordo co prego de prescricións técnicas e o prego de cláusulas administrativas particulares aprobados por acordo da Xunta de Goberno Local.
Aprobar o expediente para contratar a subministración de 100 chalecos de protección persoal ante ameazas de arma branca e arma de fogo, coa correspondente aprobación das cláusulas administrativas e técnicas.
Acordar a prórroga por 1 ano do contrato do servizo de recollida, transporte e eliminación de SANDACH (subprodutos animais non destinados ao consumo humano) de Ourense (centro de recollida de animais abandonados)
Aprobar o expediente para contratar o servizo de axencia de medios para xestionar a difusión da publicidade do Concello en medios de comunicación de prensa escrita, radio, televisión e páxinas web, coa correspondente aprobación das cláusulas administrativas e técnicas.
Servizo de rehabilitación (3)
Outorgar definitivamente 3 subvencións solicitadas por particulares para obras de rehabilitación de vivendas na área de rehabilitación (ARRU) de Serra San Mamede, Cruceiro Quebrado, Inmaculada-3ª Fase. As obras consistiron en:
substitución de xanelas, renovación de electricidade e calefacción, reforma de baño e reforma de cuberta con incorporación de illamento nunha vivenda unifamiliar na rúa Cega
reforma de cuberta e substitución e colocación de illamento nunha vivenda unifamiliar na rúa Bispo Blanco Nájera
rehabilitación dunha vivenda nun edificio da rúa Ramón Puga
Xestión económica e orzamentaria (2)
Aprobar os proxectos de modificación orzamentaria 20P/2022 e 21P/2022, utilizando a figura dos suplementos de crédito:
A modificación 20P destinará 2.189.162,58 euros ao proxecto de “Reforma e rehabilitación da Praza de Abastos, número 1” no lugar da achega do Ministerio de Fomento.
A modificación 21P/2022 destinará 100.000,00 euros á partida de reparación, mantemento e conservación de edificios.
Nos dous casos, as modificacións orzamentarias fináncianse con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais.
Os dous proxectos de modificación elevaranse ao Pleno da Corporación para que proceda, no seu caso, á súa aprobación provisional.
Persoal e recursos humanos (1)
Rectificación dun erro na Oferta de Emprego Público extraordinaria para a estabilización de emprego temporal do Concello de Ourense correspondente ao exercicio 2022, relativo á clasificación dunha praza de técnico auxiliar.
Avogacía Consistorial (2)
A xunta de goberno local tomou coñecemento na súa sesión desta mañá de 2 autos ditados polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense en pezas separadas de medidas cautelares, que acordan a suspensión da execución do decreto ditado pola concelleira delegada de Urbanismo polo que, entre outros extremos, se requiría os propietarios do inmoble sito en Nuño de Ousende número 1, esquina coa rúa do Bierzo, para que procedan á súa demolición.
O goberno municipal tomou coñecemento do informe de Avogacía Consistorial, que propón recorrer este auto, xa que suspende un acordo do propio Concello en cumprimento dunha sentenza xudicial que ordea demoler o edificio.
Porén, o goberno municipal ten intención de non recorrer, en coherencia con estes 2 autos, á vista que é o propio Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 o que ordea a suspensión cautelar. A decisión (recorrer ou non) adoptarase o xoves, 27, na próxima sesión da xunta de goberno local.



