HomeXunta de GaliciaGalicia remite ao Estado o seu plan de xestión do xabaril para...

Galicia remite ao Estado o seu plan de xestión do xabaril para previr a entrada da peste porcina, a primeira comunidade en facelo

- Anuncio -spot_img

— O documento detalla as medidas de actuación a aplicar na Comunidade, entre elas, o incremento das medidas de control sobre as poboacións da especie, a ampliación do período hábil de caza, a protección dos cultivos ou a concienciación social


— Do Campo cifra en 10 M€ o investimento da Xunta a previr os ataques destes animais desde 2016, a maior contía mobilizada por unha Comunidade autónoma

A Xunta de Galicia remitiu este mes ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) o seu Plan de xestión a medio e longo prazo das poboacións de xabarís silvestres para reducir o risco de entrada e difusión da peste porcina africana en Galicia.

Así o anunciou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a súa intervención ante a Comisión 7ª do Parlamento para responder a unha pregunta sobre o xabaril e a súa xestión a nivel autonómico.

Tras facer fincapé en que Galicia foi a primeira Comunidade en presentar este documento ante o Goberno central, a directora explicou que o plan foi consensuado coa Consellería do Medio Rural e no mesmo se detallan as medidas de actuación que se aplicarán no territorio galego co obxectivo de protexelo fronte a esta enfermidade e mitigar o seu impacto en diferentes ámbitos: agrícola, ambiental ou viario.

Así, Do Campo referiuse, entre outras medidas, ao incremento das accións de control sobre as poboacións de xabaril dos últimos anos, axilizando e eliminando trabas administrativas así como a través dunha progresiva ampliación do período hábil de caza ata chegar ao actual, que se estende de agosto a finais de febreiro.

A modo de exemplo, a directora xeral asegurou que durante o período 2021-2022 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda outorgou “algo máis de 4.100 autorizacións extraordinarias” para realizar accións de control por danos en cultivos e explotacións gandeiras, unhas cifras que vencellou tamén coa “absoluta colaboración” por parte do sector cinexético e da Federación galega de caza en particular.

Ademais, explicou que no referido plan se aposta tamén por regular e prohibir a alimentación suplementaria a estes animais, continuar coa formación aos cazadores na materia —coa convocatoria, por exemplo, do primeiro curso sobre o decreto para a subministración de carne de caza maior silvestre en Galicia—, as medidas de ordenación territorial e de protección dos cultivos e explotacións, ou a concienciación social en xeral.

Así mesmo, a directora xeral enmarcou a elaboración deste plan de xestión fronte á peste porcina no traballo que desde hai anos desenvolve o Goberno galego co fin de facer unha xestión eficiente das poboacións de xabarís presentes na Comunidade e minimizar o seu impacto no medio rural e nas actividades coas que comparten territorio.

Neste sentido, referiuse ao esforzo da Xunta nos últimos anos por apoiar ao sector agrogandeiro na aplicación de medidas preventivas que eviten ou minimicen os ataques dos xabarís. Así, indicou que desde o ano 2016 Galicia destinou case 10 millóns de euros, incluído o orzamento reservado para 2023 a estas axudas, a maior contía mobilizada a tal fin por unha Comunidade autónoma.

En todo caso, Belén do Campo subliñou a importancia de que as Administracións locais tamén se impliquen de forma directa no problema, sobre todo nas áreas urbanas e perirubanas máis afectadas pola presenza destes animais onde indicou que “é imprescindible” que os concellos realicen unha xestión da biomasa eficiente para evitar que atopen refuxio e alimento nestas zonas.

Publicacións Relacionadas