HomeTabeirósCerdedo - CotobadeA segunda actuación do Pacto pola Paisaxe permite afrontar a posta en...

A segunda actuación do Pacto pola Paisaxe permite afrontar a posta en valor da Capela de San Salvador, fonte-lavadoiro e muíño de Cabenca

- Anuncio -spot_img

• Esta interención céntrase na recuperación dos elementos etnográficos incluídos na ruta de sendeirismo ata Cavadosa e conta coas autorizacións de Augas de Galicia e Patrimonio

O Concello de Cerdedo-Cotobade afronta a segunda actuación do Pacto pola Paisaxe cun ambicioso proxecto de recuperación e posta en valor da Capela de San Salvador, a fonte-lavadoiro e o muíño fariñeiro de Cabenca que recibirán un investimento total próximo aos 50.000 euros e que dispón de todas as autorizacións necesarias de Patrimonio e de Augas de Galicia.

Esta actuación ten como protagonista a recuperación medioambiental e posta en valor da ruta entre Cabenca e Cavadosa, no territorio de Cerdedo, que discorre polas ribeiras do Río Seixo, na aba occidental da Serra do Cando, delimitada como AEIP polo Catálogo das Paisaxes de Galicia.

Así, estase intervindo no entorno da Capela de San Salvador dotándoa dun pavimento máis acorde co elemento patrimonial ao que rodea e aproveitarase para instalar un sistema de recollida de augas pluviais de escorrentía e a iluminación da zona a través de balizas construidas en chapa de aceiro cortén.

Procédese, por tanto, a dotar á Capela de San Salvador dunha zona adoquinada que terá unha delimitación perimentral a través dun bordillo de granito acabado abuxardado na mesma tonalidade.

RECUPERACIÓN DUN MUÍÑO FARIÑEIRO

Ademais estase actuando sobre un antigo muíño existente na zona que se atopa en moi malas condicións de conservación. Así, limpiouse o seu interior de vexetación existente, estanse reparando as paredes, instalarase unha porta de acceso, limparase a presa e acometerase tamén o acondicionamento da cuberta.

Esta intervención no muíño farase de xeito moi coidadoso para preservar ao máximo as peculiaridades desta construción. Así procedeuse a realizar unha limpeza manual do interior, acometer o levantamento dos paramentos verticais que o precisaban, con limpeza das raíces das pedras mediante cepillo e con lanza de auga no exterior.

O peche do tellado faise con cuberta tradicional, mediante estrutura portante a base de vigas, viguetas e entaboado de madeira de piñeiro con acabado final de tella curva vermella “do país”.

Tamén se acomete a substitución de forxados e escaleiras, levantamento de parámetro vertical de mampostería no alpendre para substituir o existente en madeira. Levarase a cabo a cubrición do solado existente de pedra pisada con entarimado de madeira de piñeiro, colocación de dous barrotes de aceiro en oco de entrada de auga cara a serra e portas de acceso fiestras con contraventá.

POSTA EN FUNCIONAMENTO DE SERRA E MOENDA E UN CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA PAISAXE, A FLORA E A FAUNA

A intención da intervención é posibilitar a posta en funcionamento do muíño para os seus cometidos orixinarios, é dicir, para a serra e a moenda. Farase unha restauración de apeiros de labranza e ferramentas para a súa exposición, adecuación e limpeza da presa e a canle de subministro de auga, axeitado da vexetación nun radio de 10 metros sobre a construción e renovación do tendido e cableado eléctrico que lle dá servizo, procedente dos postes ubicados na aldea de Cavadosa.

Finalmente, para o acondicionamento do lavadoiro e da súa contorna máis próxima prevese a execución dunha limpeza completa do mesmo, eliminando a maleza e plantas ou raíces que presenta nos muros de cachotería do elemento. A limpeza será manual con cepillado e auga, eliminando o material adherido; limparanse as xuntas da cachotería para o seu posterior tratamento con morteiro. Do mesmo xeito a soleira do lavadoiro será limpada e tratada nos puntos con fugas con morteiro hidrófugo.

Para restaurar o uso orixinal do elemento prevese executar unha canalización desde o desaugadoiro da presa do muíño ata o lavadoiro. Antigamente este transvasamento de auga realizábase sobre o terreo, pero tendo en conta que na actualidade o seu uso será simplemente ornamental e didáctico, resulta máis óptimo canalizar a auga desde a presa ata o lavadoiro mediante unha tubaxe de polietileno de 63 mm de diámetro.

A acometida de auga realizarase directamente sobre a canle de desaugadoiro e regularase desde unha arqueta de rexistro a construír á beira da canle no que se instalará unha chave de corte de bolboreta.

A tubaxe verterá directamente sobre o tanque do lavadoiro polo seu lateral sur de igual forma que antigamente. O tubo recubrirase de pequenas pedras na súa desembocadura. O aliviadoiro do tanque realizábase por rebosamiento no seu lateral leste e canalizábase por un leito superficial ata unha parcela limítrofe. Como na actualidade non se ten este uso, o máis adecuado é recollela nunha arqueta de rexistro e canalizala ata a rede de pluviais creada na contorna da capela utilizando para iso tubo ríxido de PVC de 110 mm de diámetro.

Publicacións Relacionadas