• O proxecto está impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida polo socialista Gregorio Agís, e financiarase a través de fondos europeos obtidos do IDAE
• A actuación contempla a renovación e dotación de servizos básicos e medidas en favor da seguridade peonil, a redución da pegada de carbono e a consolidación da mobilidade sostible e universal
A empresa EC Casas será a encargada de levar a cabo a mellora integral do núcleo tradicional do Xuviño, na parroquia de Combarro. Esta é unha actuación que está impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida polo socialista Gregorio Agís, e que se financia a través de fondos europeos obtidos ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), xestionados de xeito directo por este departamento municipal.
Agís confirmou que o Concello vén de completar toda a tramitación correspondente á licitación e adxudicación dos traballos, que servirán para “facer que a contorna do Xuviño experimente unha importante transformación”, ao tempo que se respecta a singularidade arquitectónica deste núcleo. A obra servirá para reforzar a seguridade peonil, a través da dotación dunha plataforma única, ao tempo que se garante a mobilidade sostible e universal, eliminando barreiras arquitectónicas, e se reduce a pegada de carbono. Deste xeito cúmprense co establecido na Axenda 2030 e no Plan de Mobilidade Urbana Sostible aprobado polo Goberno local no 2019. A actuación tamén incluirá, asemade, a dotación e renovación completa dos servizos básicos no lugar, así como a instalación do alumeado.
O proxecto foi adxudicado cun orzamento que ascende a un total de 280.615,08 euros, IVE engadido. O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo explica que as obras comezarán proximamente e, se non hai contratempos, estarán finalizadas durante os primeiros meses de 2023. Gregorio Agís lembra que o proxecto foi exposto a principios deste ano ante as persoas residentes no Xuviño. “Estamos a falar dunha actuación que dá resposta ás necesidades da veciñanza e que inclúe tamén algunhas das achegas que nos fixeron durante a elaboración do anteproxecto”, sinala o edil socialista, que explica que as obras desenvolveranse de xeito que afecten o menos posible aos accesos das vivendas. “A obra segue a filosofía que estamos a implantar de aposta pola mobilidade sostible e a posta en valor de núcleos tradicionais desde o Concello, como xa fixemos coa reforma da rúa Lameiriña en Raxó ou das obras que se están a levar a cabo na actualidade na Puntada, Saíñas e Portosanto, en San Salvador”, recorda Agís Gómez.



