Será nos meses de novembro, decembro e xaneiro na Finca de Briz e terá un custo de 170 euros. O período de inscrición abre o 26 de novembro.
A Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense e de Pontevedra (Estoupo), en colaboración coa UVigo e co Concello de Marín, vén de convocar unha nova edición do seu Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre, no que 25 persoas terán a oportunidade de, durante as fins de semana de novembro, decembro e xaneiro, aprender a dinamizar todo tipo de colectivos, desde menores ata maiores_
Cun enfoque principalmente práctico e orientado á empregabilidade dos participantes, a docencia desenvolverase nesta edición os venres, sábados e domingos dende o 4 de Novembro ata o 15 de Xaneiro.
Os contidos que se abordarán ao longo da formación abranguen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións.
Na docencia do curso participarán non só profesionais do eido educativo ou da intervención social senón tamén profesionais do eido da historia ou do turismo e persoas que teñen un papel activo na entidade organizadora. Ao rematar a formación, os participantes que cumpran os requisitos obterán un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia e poderán ser monitores de tempo libre de todo tipo de públicos.



