HomePontevedraA LamaO concello logra que o sergas comece xa os traballos de reposición...

O concello logra que o sergas comece xa os traballos de reposición de baldosas e de eliminación de humidades no Centro de Saúde

- Anuncio -spot_img

Dous médicos exercerán de xeito estable e permanente a atención sanitaria aos veciños e veciñas do municipio

O tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, supervisou o inicio dos traballos que solicitou e xestionou ante a Consellería de Sanidade no Centro de Saúde da localidade e que teñen como obxectivo principal a mellora do piso así como a eliminación dos problemas de humidade que presenta este edificio.

Os traballos vanse ir acometendo os sábados para evitar crear problemas aos usuarios do centro médico e faranse o máis axiña posible para evitar trastornos de funcionamento tanto ao persoal que presta os seus servizos no centro médico como aos pacientes.

Por outra banda, o tenente de alcalde do Concello da Lama confirmou ante responsable da Consellería de Sanidade o mantemento de xeito permanente e estable de dous médicos que veñen prestando os seus servizos no Centro de Saúde. Asimade, David Carrera volveu insistir sobre a necesidade de volver habilitar de xeito presencial a consulta dun pediatra que atenda profesionalmente a demanda existente no municipio neste sentido e tamén presentou solicitude para outras melloras no propio edificio que alberga o centro médico lamense.

XESTIÓNS ANTE O SERGAS PARA A CONSULTA DE PEDIATRÍA

A aposta polo bo funcionamento material e de persoal do Centro de Saúde da Lama é unha constante do equipo de goberno a través de varias reunións con responsables do Sergas e tamén con dirixentes da Consellería. Froito destas xestións levada a cabo polo tenente de alcalde David Carrera son esta serie de obras de reposición e mellora do centro médico lamense que se están a producir durante estes días.

Segundo manifestou David Carrera “é unha prioridade para nós a atención sanitaria aos nosos veciños e veciñas, sobre todo á poboación de maior idade que é a que habitualmente fai maior uso deste servizo público. Logramos que a Consellería tomara boa nota e froito desas xestións son estas obras que se están acometendo. En canto ao pediatra, aínda sendo conscientes da dificultade de atopar profesionais desa especialidade neste momento, seguimos insistindo e recordándolle á dirección do Sergas a importancia de que se pase consulta presencial no noso centro de saúde”, indicou Carrera.

Publicacións Relacionadas