Xa hai tempo que denunciamos os verquidos do sumidoiro que hai preto da praia fluvial do Liñares. A nosa concelleira, Susana Camba, levouno ao pleno en máis dunha ocasión. O alcalde dixo que ía solucionar este problema, mais estes días o sumidoiro volveu verter todo tipo de desperdicios, que preferimos non detallar, ao Río Liñares, nun espazo que ten a poucos metros a praia fluvial.
Non é a primeira vez que denunciamos vertidos en puntos concretos da periferia da vila, o que demostra que hai un problema grave, mais o alcalde non tomou medidas. De feito, podemos asegurar que nin se molestou en buscar unha solución a este problema.
Certo é que non estamos nunha época de altas temperaturas que inviten a pegarse un baño á praia fluvial do Liñares, pero o goberno municipal do PP debería tomarse en serio os problemas que xeran os sumidoiros da periferia da vila.
O alcalde pensa que os problemas soluciónanse sós, mais non é así. Require analizar o problema e facer investimentos. Sabemos que o alcalde é máis de gastar alí onde poida sacar a foto e lucirse, e arranxar os problemas dos sumidoiros non locen o mesmo, mais este tipo de investimentos son necesarios porque redundan na saúde e no benestar dos veciños e veciñas, mais tamén no noso medio ambiente.



