• A actuación está impulsada pola Concellería de Urbanismo, dirixida polo socialista Gregorio Agís, e contará cun orzamento de preto de 100.000 euros, a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
• A empresa EC Casas será a encargada de levar a cabo os traballos, que comezarán proximamente
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto para impulsar a mellora de servizos básicos e da seguridade viaria no lugar de Chancelas, na parroquia de Chancelas. Os traballos, que serán executados pola empresa EC Casas, contarán un orzamento que ascende a 98.743,04 euros, IVE engadido, impúlsanse a través da Concellería de Urbanismo, que dirixe Gregorio Agís (PSdeG-PSOE).
O propio Agís, acompañado polo edil de Obras, o tamén socialista Julio Casás, visitou unha das zonas nas que se acometerá a actuación, que se centrará fundamentalmente no Camiño Real, entre os de A Bouza e Urxeira. Esta actuación finánciase a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022. Gregorio Agís e Julio Casás resaltan que este proxecto pretende dar resposta ás demandas veciñais, xa que se trata dunha zona de tránsito habitual por parte das persoas residentes nas inmediacións. “A día de hoxe o firme está moi deteriorado, algo que se debe tanto ao tránsito rodado como á acumulación de auga nas épocas de choiva”, apunta o concelleiro de Urbanismo, que garante que as obras solucionarán o problema, dotando á zona de servizos básicos e acometendo medidas para o calmado de tráfico.
Unha vez asinado o contrato, o Concello estima que as obras comezarán en breve. Aactuación levarase a cabo nunha superficie que chega ata case os 500 metros de lonxitude, contemplándose o asfaltado nunha extensión de preto de 2.300 metros cadrados. O proxecto contempla a dotación de cunetas de evacuación de augas pluviais, ademais do mencionado reasfaltado, que tamén servirá para mellorar o acceso ás parcelas agrícolas existentes na zona. A maiores, instalarse unha plataforma para o tránsito rodado de 4 metros de anchura, ademais dunha senda peonil. “Desta maneira, acadamos unha integración sostible das parroquias de Samieira e Combarro en xeral e dos núcleos de Camiño Urxeira e Camiño da Bouza en particular”, apunta Gregorio Agís, que recalca que as obras “conferirán a este tramo dunhas características especiais, que fomentarán o transporte sostible e o calmado do tráfico existente”.
Esta actuación, lembra o concelleiro de Urbanismo, vai en consonancia co establecido no Plan de Mobilidade Urbanística Sostible (PMUS) para esta zona. O documento, aprobado en 2019 polo Goberno local, contempla, precisamente, a dotación de sendas peonís.



