• A iniciativa, organizada pola Asociación Cultural Pai da Cana e na que colabora a Concellería de Cultura, ofrece unha ampla programación centrada na interpretación deste instrumento musical, tan vencellado á tradición do país
Un ano máis, o Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, acollerá as Xornadas O Son da Gaita, unha iniciativa que está organizada pola Asociación Cultural Pai da Cana, en colaboración coa Concellería de Cultura, e na que tamén se implican outras institucións como a Deputación de Pontevedra, a través do programa Pontegal, e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O máximo responsable da entidade organizadora, o músico e produtor Óscar Ibáñez, e a titular de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), deron a coñecer os detalles da cita, que se desenvolverá o vindeiro domingo, 30 de outubro, cunha programación moi ampla. Tal e como apuntou Ibáñez, logo das dúas primeiras edicións, nas que as xornadas se centraron na construción e manipulación da palleta, nesta ocasión o protagonismo recaerá na interpretación do instrumento. Esta cita “supón unha grande oportunidade para gozar con algúns dos grandes referentes do instrumento en Galicia”, sinala o dirixente da agrupación.
O evento dará comezo ás 11.00 horas, coa intervención dos grupos Ansuíña (Vilanova de Arousa) e Polavila e Os Alegres, ambos de Pontevedra. Posteriormente, ás 12.00 horas, terán lugar as presentacións dos libros O toque pechado, de Pablo Seoane, e Gaita de baixa intensidade, de Cristóbal Prieto. Unha vez rematado este bloque, será a quenda das actuacións dos solistas Pepe Vaamonde, David Bellas, Diego Prieto, Miguel Fraguas e Marcos Campos. A programación pecharase ás 15.00 horas cun xantar-foliada no Restaurante Casa Laura, en Campelo.
A organización informa de que para poder asistir a estas xornadas será preciso inscribirse previamente, a través do correo electrónico acpaidacana@gmail.com. No caso das intervencións dos grupos e da presentacións dos libros, a entrada será gratuíta, mentres que no apartado de solista a entrada terá un custo de 5 euros. Con respecto ao xantar, a inscrición será de 25 euros. Aínda quedan prazas dispoñibles, que se poderán solicitar ata este venres 28 de outubro.



