HomeOurenseOurenseO Concello presenta denuncia penal contra o xornal La Región e a...

O Concello presenta denuncia penal contra o xornal La Región e a televisión Telemiño por afirmar erroneamente que o Concello é responsable do mantemento do IES Prieto Nespereira

- Anuncio -spot_img

Os concellos só teñen a competencia de conservación, mantemento e limpeza dos centros de Educación Primaria, Infantil ou Especial que sexan da súa titularidade, non dos institutos de Secundaria

O Concello de Ourense presentou esta mañá denuncia penal contra o diario La Región e a televisión local Telemiño pola presunta comisión dun delito de calumnias e/ou inxurias con publicidade. A denuncia presentada ante o Xulgado de Instrución de garda expón que no día de onte, 27 de outubro, logo do falecemento dun alumno no instituto Julio Prieto Nespereira, o diario La Región publicou na súa páxina 2 unha información na que se afirma que:

“a investigación trata de determinar, se cabe falar dun accidente ou dunha neglixencia por parte do centro – a Consellería de Educación – ou incluso o Concello (realiza o mantemento) á hora de velar pola seguridade das instalacións. Neste último caso, abriríase a vía penal por homicidio imprudente”. Estas mesmas afirmacións realízanse tamén nun vídeo publicado ese día na páxina web do xornal La Región.

O Concello argumenta na súa denuncia que desta noticia e do vídeo “despréndese abertamente unha directa atribución ao Concello de Ourense de responsabilidade nos labores de mantemento das instalacións do Instituto, bastando unha comprensión sequera pouco avezada para concluír que o que se pretende en ambos os medios de comunicación é imputar ao Concello non ter actuado coa dilixencia debida ou aínda telo feito de maneira imprudente, sendo iso causa do lamentable falecemento do menor, ata o punto de permitirse afirmar que se podería abrir a vía penal por homicidio imprudente, cando o único certo é que o Concello en modo ningún ten atribuído tal cometido, carecendo de competencia algunha nos traballos de mantemento dos institutos de ensino superior”. Achega neste punto o informe realizado polo xefe de servizo de Educación do Concello, no que fai constar que a competencia do Concello no mantemento de edificios escolares limítase a aqueles nos que, sendo de titularidade municipal, se impartan clases de educación infantil, primaria ou especial, e non aos Institutos de Ensino Superior, como é o caso do IES Julio Prieto Nespereira.

Expón o Concello na súa denuncia que polas razóns indicadas, a información publicada na noticia e no vídeo “ademais de falsa é claramente inxuriosa e calumniosa, e non só pode chegar a inducir a confusión á familia do menor tristemente falecido senón á cidadanía en xeral, ao trasladar á opinión pública, que estes días vive con profundo pesar e conmoción este suceso, unha conduta neglixente por parte do Concello no resultado lutuoso acaecido que, por ser a todas luces falsa, traspasa os límites do dereito á liberdade de expresión e conculca o deber de información veraz, ata o punto de chegar a imputarlle ao Concello un delito de homicidio imprudente”

O Concello sostén que os feitos denunciados poden ser constitutivos dun delito de calumnias e outro de inxurias con publicidade, polo que solicita ao Xulgado que acorde a incoación do procedemento penal correspondente.

Publicacións Relacionadas