• A tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), e o edil de Pesca e Marisqueo, Julio Casás (PSdeG-PSOE), presentaron a peza, realizada por Fernando Portela e que se exhibirá nas instalacións e na web de Turismo de Poio (www.turismodepoio.gal)
• Os dirixentes municipais salientan o gran resultado do Plan de Dinamización, a través do cal se impulsaron iniciativas para público de todas as idades, algo que se traduciu en que as dependencias recibisen a visita de preto de 1.000 persoas entre os meses de xuño e outubro
A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), e o concelleiro de Pesca e Marisqueo, Julio Casás (PSdeG-PSOE), fixeron balanzo este venres do resultado do Plan de Dinamización da Casa Museo de Colón, levado a cabo pola empresa Tempos Arqueólogos e que serviu para impulsar un gran número de actividades, pensadas para público de todas as idades, entre os meses de xuño e outubro. Ademais, a cita tamén serviu para presentar oficialmente unha nova peza audiovisual que se exhibirá nas dependencias de Portosanto e que versa sobre a orixe poiense de Cristóbal Colón. Este vídeo, ademais, tamén estará dispoñible na web de Turismo de Poio (www.turismodepoio.gal).
Tanto o Plan de Dinamización como a realización desta obra subvencionáronse grazas a unha subvención obtida a través Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) ría de Pontevedra. Tanto Díaz como Casás lembraron que a obtención desta axuda foi posible grazas á adhesión do Museo á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), unha xestión que foi aprobada polo Pleno da Corporación en 2020, logo das xestións realizadas desde os departamentos de Turismo e Pesca e Marisqueo. Durante a presentación do vídeo, á que tamén acudiu o presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín, e representantes desta agrupación, Silvia Díaz explicou que a peza audiovisual “fai fincapé nos piares nos que se basea a defensa da orixe poiense de Colón, como son as evidencias históricas, a documentación existente, a linguaxe empregada polo navegante e a toponimia dos territorios americanos coincidente cos existentes na ría de Pontevedra”.
O vídeo, de catro minutos de duración, foi realizado por Fernando Portela, da empresa IMACO, e servirá para complementar a exposición permanente existente na Casa Museo.
Ademais, tamén supón un activo importante desde o punto de vista promocional e turístico, ao contar con imaxes aéreas de lugares de interese como a Illa de Tambo ou o Mosteiro de San Xoán.
Con respecto ao Plan de Dinamización, os dirixentes municipais fan unha valoración moi positiva do resultado. Tal e como resaltaron Silvia Díaz e Julio Casás, as dependencias recibiron a preto de 1.000 persoas entre xuño e setembro, ben para visitar as instalacións ou para tomar parte nas diferentes actividades desenvoltas, entre as que figuraron visitas teatralizadas, charlas e obradoiros para crianzas. “As iniciativas tiveron unha gran acollida, acadamos uns resultados excelentes cos que cumprimos os obxectivos establecidos”, apuntou a tenente de alcalde, que lembra que a través deste plan avanzouse en cuestións como xerar un coñecemento activo na poboación local e promocionar a Casa Museo, ademais de afondar na investigación da figura de Colón ou dar a coñecer os fitos e acontecementos vencellados á historia de Poio e á cultura mariñeira tradicional galega.
Pola súa banda, Julio Casás tamén explicou que “a Casa Museo de Colón é un activo vital para o Concello de Poio. Estamos moi satisfeitos de que todas as actividades realizadas servisen para fomentar as visitas e difundir a teoría da orixe poiense do navegante”.
Ademais, ambos tamén coincidiron á hora de agradecer e destacar a implicación, o esforzo e o traballo que realiza a Asociación Galicia Histórica neste eido, así como na organización de excursións e visitas guiadas.
Por último, Silvia Díaz e Julio Casás confirmaron que as instalacións permanecerán pechadas nos vindeiros meses, a fin de desenvolver diferentes obras de mantemento.
Tamén amosaron o seu firme compromiso a seguir desenvolvendo iniciativas como o Plan de Dinamización para que a Casa Museo continúe a consolidarse como un referente na bisbarra.



