A Organización Mundial do Turismo tamén destaca o obxectivo de promover o turismo termal como unha “poderosa ferramenta para salvagardar o patrimonio e proporcionar beneficios socioeconómicos, incluída a revitalización das zonas rurais e a creación de emprego estable”, na liña do acordo de colaboración asinado coa EHTTA, presidida por Manuel Baltar
O boletín da Organización Mundial do Turismo (OMT), elaborado cada mes para os seus membros afiliados, recolle no seu número de outubro o Congreso Internacional de Turismo Termal, sinalando que “do 27 ao 29 de setembro, a cidade de Ourense converteuse na capital mundial do termalismo cun encontro organizado pola European Historical Thermal Towns Association (EHTTA)”.
A publicación resalta a presenza na inauguración do congreso da presidenta da xunta directiva de socios afiliados da OMT, Mar de Miguel, “que acompañou a Manuel Baltar, presidente da EHTTA e a Deputación de Ourense, e a Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia e a Axencia Turismo de Galicia, para dar a benvida aos invitados e asistentes ao Congreso”.
O boletín mensual da OMT tamén valora a apertura do congreso, coa recepción oficial no Claustro de San Francisco, na que se celebrou o Día Mundial do Turismo -a primeira vez que Ourense aparece no mapa desta axencia de Nacións Unidas-: “Baixo o lema ‘Repensar o turismo’, o evento serviu para concienciar sobre o potencial do turismo termal para contribuír á transformación sostible do turismo. Durante esta recepción, a EHTTA asinou a Declaración de Glasgow para sinalar o seu compromiso de contribuír aínda máis á acción climática no turismo”.
A Organización Mundial do Turismo (OMT) xa transmitira a través dunha carta asinada polo director de Membros Afiliados da OMT, Ión Vilcu, destinada a Manuel Baltar, “o máis sincera mensaxe de felicitación pola excelente organización e éxito” do Congreso Internacional de Turismo Termal, no que Ourense demostrou “o seu extraordinario saber facer en termalismo”. A cita estivo organizada pola EHTTA co apoio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia e o aval do propia OMT.
O turismo termal como piar do patrimonio cultural e revitalizador das zonas rurais
Na publicación mensual de outubro, a OMT lembra que esta axencia está “a promover o turismo termal como unha poderosa ferramenta para contribuír a salvagardar o patrimonio cultural e natural do mundo, así como para proporcionar beneficios socioeconómicos, incluída a revitalización das zonas rurais e a creación de emprego estable e oportunidades de xeración de ingresos”.
Este obxectivo vai na liña do acordo de colaboración elaborado pola EHTTA e a OMT para avanzar no desenvolvemento do turismo termal. Este memorando -asinado polo presidente da Deputación de Ourense e da EHTTA e o secretario xeral da OMT, Zurab Pololiskashvili- foi analizado a través dun seguimento dos obxectivos do acordo por Manuel Baltar e Ión Vilcu durante un encontro de traballo mantido en setembro na sede madrileña desta axencia das Nacións Unidas.



