A voceira dos populares bueueses cuestiona que “Félix Juncal pretenda enganar a cidadanía no relativo ao cruceiro da Rosa, porque a pesar de que el diga que se remitiu o asunto á Deputación, nesta non consta”.
O pasado 19 de outubro, a voceira do Partido Popular de Bueu, Elena Estévez, anunciou a decisión de “dar un paso adiante” respecto das xestións para reparar o cruceiro da Rosa, un ben recollido no catálogo do PXOM, que data do século XVIII, e que sufriu un grave dano no paso do 2021 cara ao 2022 a causa do impacto dun vehículo. A pesar das preguntas en sesión plenaria da voceira popular, o alcalde nunca deu mostras de interese neste asunto, afirmando que o Concello xa se puxera en contacto coa Deputación, que é a titular da vía.
Con todo, logo das novas solicitudes de información pública presentadas ante a institución provincial, a Deputación de Pontevedra respondeu que “non obra en poder […] expediente algún en relación coa reparación do cruceiro obxecto desta petición”. “A verdadeira realidade, por moito que o alcalde se dedique a mentir no Pleno, é que, desde o accidente que causou os danos, Juncal non fixo absolutamente nada: nin moveu papeis cara á Deputación, nin iniciou os trámites…”, afirmou, sinalando que “estes feitos volven poñer de manifesto a dobre moral do Bloque, que pon a chaqueta de defensor do patrimonio cando despois non lle preocupa o máis mínimo”. “É absolutamente inaceptable que, día tras día, Félix Juncal minta sobre moitos dos asuntos que preocupan a cidadanía de Bueu”.
E é que, ao xuízo de Estévez, “é totalmente insostible a deixadez de funcións á que xa nos ten acostumados o alcalde de Bueu, unha actitude de deixar pasar os días e ‘facer que fago pero sen facer nada’ que invade toda a vida municipal e todas as áreas”. “Observamos como a Bueu lle caen multas de diferentes organismos, como perdemos oportunidades de futuro, e como até o asunto máis sinxelo, como sería traballar para a restauración dun cruceiro, se lle atraganta”, cuestionou, engadindo a este feito “a gravidade de que o alcalde decida mentir descaradamente nun Pleno, afirmando que se remitiu o asunto á Deputación, cando esta non ten información algunha”.
“Vivimos, pois, uns feitos de enorme gravidade, cun alcalde que, coas súas accións, parece que trata de encubrir a persoa responsable do accidente, en vez de velar pola restitución dos danos”, subliñou, antes de preguntarse “por que o alcalde non remite ningún informe? Está empregando o Concello unha vez máis para o amiguismo que o caracteriza?”.“Queda claro que estamos ante os últimos acordes dun alcalde que vai a menos”, sentenciou.



