Home Deputacións Deputación Pontevedra Moaña lebra a Millán Otero, "un home bo e xeneroso que amaba...

Moaña lebra a Millán Otero, “un home bo e xeneroso que amaba e cría intensamente en Galiza”

- Anuncio -

O acto de homenaxe organizado pola Deputación e o Goberno local encheu o salón de plenos municipal de emoción e sentimento poñendo en valor a súa faceta literaria e tamén política

Un carballo e unha placa presiden de maneira perpetua dende hoxe a Praza do Concello

As xentes de Moaña homenaxearon hoxe ao ex alcalde e poeta Millán Otero enchendo o salón de actos municipal de sentimento e emoción no acto organizado pola Deputación e o Goberno local. Dende hoxe, ademais, un carballo e unha placa lembrarán a súa figura, que definiron como a dun home “bo e xeneroso que amaba e cría intensamente en Galiza” tanto dende a súa faceta literaria como política.
No acto participaron a familia de Millán, a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega, a alcaldesa Leticia Santos, o presidente da AELG Cesáreo Sánchez e o escritor Manuel Romeu, responsable do limiar e da publicación da ‘Obra Poética Completa’ editada pola Deputación de Pontevedra. Xosé Manuel Budiño foi o encargado de abrir e pechar o acto coa súa gaita e Dani Costas, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns, Lucía Durán e Lucía Novas recitaron unha escolma dos poemas do ex alcalde.
A deputada de Patrimonio Documental María Ortega subliñou que a pesares de non ter coincidido no tempo político con Millán, coñecía e compartía a súa traxectoria. Tamén destacou que o seu legado cultural e literario “é atemporal” e dunha “indiscutible calidade e importancia”, motivo polo que a Deputación foi adiante coa publicación da ‘Obra poética completa’ que hoxe se presentou en Moaña e se repartiu entre as persoas asistentes á homenaxe.
Pola súa parte, a alcaldesa Leticia Santos, visiblemente emocionada -tivo incluso que pausar a súa intervención e recibiu un aplauso do público para animala a seguir- destacou a figura de Millán como alcalde. Lembrou que grazas a el e á súa equipa sacáronse adiante en Moaña infraestruturas, conceptos e servizos que hoxe segue a gozar a veciñanza. “Elas e eles sentaron as bases da Moaña do benestar e do futuro”, subliñou, destacando que é necesario recoñecer o traballo feito polo nacionalista “sexamos ou non nacionalistas ou de esquerdas”.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, tamén tivo palabras de louvanza para Millán. Asegurou que foi un home que tivo consciencia da súa nación e que foi un referente tanto para a Asociación como para todas as persoas escritoras do país. “El é un bo e xeneroso como di o himno da nosa nación”, subliñou. “Sempre foi de agradecer a claridade dun poeta á hora de anunciar o seu posicionamento político e social, e en consecuencia cultural. Nos tempos de blanqueamento de condutas políticas, a cultura pode ser defendible nas formas. (…)Acontece que se os poetas estamos encardinados en vontades que guían e guiarán a nosa nación é cando é negada a nosa obra. Iso é algo que un poeta nacionalista consecuente ten que asumir. No caso de Millán é importante dicir isto”, subliñou.
Finalmente, e tamén coa emoción moi palpable nas súas palabras, fixo Manuel Rei un percorrido pola traxectoria vital e literaria de Millán. O autor subliñou que tras pasar dous anos da súa morte era preciso non só sacar á luz a obra inédita, senón imprescindible facer unha compilación de todos os seus traballos, polo que agradeceu á Deputación a edición do libro presentado hoxe.
Rei lembrou que para Millán a poesía foi o fío condutor da súa vida, ás veces incluso unha maneira de terapia ou refuxio. Destacou que soubo “a un tempo” ser poeta e desenvolver o seu labor político sen que unha parte fagocitase á outra: “Demostrou que a política se pode facer con poesía, agarimo, sensibilidade e bo trato ás persoas e ás cousas, e que tamén a poesía se pode facer sen desatender as problemáticas do mundo real, sen encerrarse nunha torre de marfil”, subliñou.
Na parte final do acto, logo das lecturas poéticas, fíxose unha entrega de agasallos institucionais á familia e ás persoas que participaron. Finalmente todo o público baixou á Praza dianteira do Concello, onde se plantou un carballo e se descubriu unha placa que dende hoxe homenaxearán de maneira perpetua a Millán no núcleo da vila onde máis tempo pasou da súa vida. Xosé Manuel Budiño puxo o broche de ouro interpretando a marcha do antigo Reino de Galiza.
Mañá domingo 30 haberá unha nova homenaxe, neste caso coorganizada pola Deputación e o Concello de Bueu, localidade natal de Millán. Será ás seis e media da tarde na Casa do Pobo de Beluso. Alí presentarase de novo a ‘Obra Poética Completa’ a cargo de Manuel Rei, e participarán a deputada María Ortega e o alcalde Félix Juncal. A nota musical poraa a agrupación Xardín Desordenado, que versionará varios poemas.

Relacionadas

Luis López interésase polas necesidades dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado nunha...

0
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de manter un encontro de traballo co coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en...

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo domingo, 5 de maio, no...

0
A mostra da artista pontevedresa recompila as súas pinturas na busca da cor e “da forma do meu verdadeiro eu” A Deputación de Pontevedra mantén...

Abraham Cupeiro explorará os instrumentos de vento desde o Paleolítico ata o século XIX...

0
Este martes 30 de abril ás 9:00 ábrese o prazo para solicitar praza no concerto, que se celebrará o sábado 11 de maio ás...

Figueirido homenaxea a José Portela Canosa na súa II Comida de Confraternidade

0
César Poza destaca a labor social de “Pepe o Ferreiro”, un home con 99 anos cumpridos que exerceu de practicante na posguerra para salvar...

O profesor José Manuel Fariña reivindicou a inclusión da figura de matemático Domingo Fontán...

0
Foi o encargado de pronunciar o pregón e acompañar ao alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e á presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo...

Éxito de participación na terceira edición da Feira do Libro de Soutomaior

0
Esta tarde pechará a terceira edición na casa do pobo do Val Sobral. Unha Feira do Libro que encheu de alegría, de literatura, de...

Publicacións Relacionadas