• O alcalde manifestou a súa satisfacción por esta noticia que permite dar un novo paso positivo na apertura desta estación lúdica e termal que catapultará o turismo de Cerdedo-Cotobade
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acaba de recibir do Ministerio de Ciencia e Innovación a “Declaración de Auga Termal” para os mananciais dos Baños de San Xusto o que permite seguir avanzando dun xeito positivo na apertura ao público desta estación lúdico e termal que, en palabras do rexedor, “catapultará o turismo en todo o noso municipio”.
A pedimento do Servizo de Enerxía e Minas, da Xefatura Territorial, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, segundo o seu oficio do 12 de novembro de 2021, sobre a realización de informe para a declaración de auga termal das procedentes da captación denominada “Os Baños de San Xusto”, o
Ministerio estudio en profundidade os datos facilitados polo enxeñeiro acuario adscrito ao Servizos de Minas da Xunta onde se acredita e se certifica que despois de seguir unha secuencia temporal requerida as medicións obtidas foron de 24 graos, 23,5 e 23,5 graos centígrados, respectivamente.
Ademais, do estudo enviado polo Servizo de Minas e remitido ao Ministerio de Ciencia e Innovación, acredítase suficientemente tamén a procedencia das augas e a protección do acuífero fronte á contaminación.
Así, segundo figura no oficio asinado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, “en cumprimento do artigo 45.2, a auga obxecto do presente informe pode ser declarada como termal, dado que o art 38.2 do Regulamento Xeral para o Réxime da Minería establece que “son augas termais aquelas cuxa temperatura de afloramento sexa superior, polo menos en catro graos centígrados, á media anual do lugar onde alumen”.
Polo tanto, estes resultados positivos avalan a declaració de auga termal das augas procedentes da captación denominada “Os Baños de San Xusto”, ubicadas na parroquia de San Xusto, no concello de CerdedoCotobade.
Segundo sinalou o alcalde, Jorge Cubela, “aínda que por esperada non deixa de ser unha magnífica noticia que vén a corroborar que desde o Concello estamos facendo as cousas ben desde o principio e cumprindo escrupulosamente todos e cada un dos pasos que temos que dar desde o procedemento administrativo e de inspección para que canto antes poidamos abrir as instalacións ao público en xeral que, espero, sexa o máis axiña posible. Estamos axilizando todos os trámites ao máximo para poder compartir coa nosa veciñanza a satisfacción do deber cumprido e que volten a reabrirse as instalacións dos Baños que suporán un auténtico catalizador e impulsor do turismo en todo o noso municipio”, indicou o rexedor.



