“A Igrexa terá a propiedade deste elemento, pero o pombal é patrimonio de todos e todas, en especial dos veciños e veciñas da parroquia de Santo André de Vea”, afirma.
A falta de mantemento e a choiva acabaron por derrubar, o pombal de Santo André de Vea, un dos elementos patrimoniais e arquitectónicos máis característicos desta parroquia. O pombal, así como a reitoral do que forma parte, é elemento arquitectónico protexido, e é propiedade da Igrexa.
O candidato do BNG, Xoán Reices, explicou que “o primeiro que debe facer o alcalde, coñecedor como é da situación, é acordoar a zona para evitar que se achegue máis do debido algún curioso ao pombal; evitar accidentes debe ser unha prioridade”.
“Por outra parte”, engade Reices, “o alcalde ten que instar ao arcebispado de Santiago de Compostela a que reconstrúa o pombal; a Igrexa terá a propiedade deste elemento, pero o pombal é patrimonio de todos e todas, en especial dos veciños e veciñas da parroquia de Santo André de Vea.”
O candidato nacionalista afirma que “sabemos que o patrimonio dos veciños e veciñas da Estrada non ten ao alcalde entre os seus máximos defensores e protectores, só hai que ver en que situación na que se atopa a Torre e o Pazo de Guimarei, que tamén está en mans privadas; mais no BNG seguiremos turrando para que todo o noso patrimonio perdure no tempo e poidamos legalo ás xeracións futuras como un ben para o seu disfrute e como referencia que contribúa co resto do patrimonio a facer do noso concello un destino atrainte para visitantes”.



