A cooperación cos concellos é o capítulo que reúne a maior contía das achegas, con 418.188,66 euros
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta maña no Pazo Provincial baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou a concesión de 466.057,16 euros en axudas con destino a 12 iniciativas de concellos e entidades da provincia co obxecto de financiar proxectos en infraestruturas e iniciativas sociais, culturais, turísticas e deportivas.
A cooperación coas entidades locais é o capítulo que reúne a maior contía das achegas, con 418.188,66 euros. En detalle, na orde do día figuraban tres subvencións propostas polo Concello de Allariz: unha de 70.000 euros para proxectos de pavimentación e humanización; outra de 25.000 euros para traballos de escavación no xacemento arqueolóxico da Cibdá de Armea; e unha terceira de 65.000 euros para o cofinanciaciamento de obras de substitución do céspede sintético no campo de fútbol da cidade deportiva de “O Seixo”. Ademais, a Xunta de Goberno deu luz verde a unha axuda de 150.000 euros a favor do Concello do Barco de Valdeorras para a execución dunha obra de pavimentación e infraestruturas en Santa Mariña.
Tamén foi aprobada unha axuda de 9.000 euros destinada ao Concello de Cenlle para gastos de bombeo; unha axuda de 10.000 euros para o Concello de Entrimo destinada a actividades enmarcadas na Xurés Experience 2022; unha subvención de 48.000 euros a favor do Concello de Esgos para unha obra de eficiencia enerxética; unha axuda de 35.000 euros a favor do Concello da Gudiña para cofinanciamento de proxectos; e unha subvención de 6.188,66 euros a favor do Concello de Larouco para a GDR Ruta Romana do Viño.
Polo que se refire á colaboración coas entidades, a Xunta de Goberno concedeu 47.868,50 euros destinadas a tres asociacións. En concreto, deu luz verde a unha axuda de 10.000 euros para a Asociación de Cabalistas “O Mundil”, para a construción dun peche perimetral dos terreos desta asociación; unha axuda de 5.868,50 euros para a Asociación de Veciños da parroquia de Santa María de Macendo, destinado ao proxecto de legalización do velorio de Macendo; e unha achega de 32.000 euros a favor da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense para a súa gardería.



