― O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, anunciou a nova orde na súa visita ao concello de Frades, que adquiriu en conxunto co municipio de Ordes unha rozadoira para tarefas ambientais ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental
― Puxo en valor a cooperación entre os propios concellos en servizos conxuntos como o de protección de medio ambiente e do espazo natural que comparten Ordes e Frades, co obxectivo de evitar duplicidades e ser máis eficientes aforrando custes
― Tamén o próximo ano se habilitará a nova convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental cun orzamento de 11,3M€
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe nunha visita a Frades xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, que a Xunta reforzará en 2023 o compromiso coa sustentabilidade das entidades locais cunha nova liña de axudas dotada con 2,6M€ para actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais cofinanciadas con fondos FEDER. Deste xeito, mellorarase a eficiencia e o aforro enerxético reducindo o impacto ambiental e as emisións de dióxido de carbono dos inmobles e infraestruturas municipais.
Diego Calvo visitou o concello de Frades, que vén de recibir unha axuda de 35.700 euros conxunta co municipio de Ordes, co que comparte o servizo de protección de medio ambiente e do espazo natural. Este apoio destínase tanto a cofinanciar os gastos de funcionamento anuais do servizo como á adquisición dunha rozadoira lateral. Xa o ano pasado se apoiou a este servizo no seu mantemento e reforzouse o seu equipamento cun vehículo todocamiño híbrido con distintivo ECO.
A colaboración en ambos casos realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), co que o Goberno galego apoia o funcionamento de servizos municipais relacionados coa protección do medio e do que manterá en 2023 o orzamento de 11,3M€. Nos últimos anos, o investimento no FCA superou os 116M€ en actuacións nas entidades locais coas que contribuír á restauración ambiental e a acadar concellos máis sustentables.
A través desta liña subvenciónanse accións como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais ou a utilización de enerxías renovables. Ademais, apóiase os concellos na conservación da biodiversidade e a protección do espazo natural, con campañas divulgativas e plans ambientais ou a adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética, ademais de na dotación de medios.
Importancia da cooperación entre concellos
Diego Calvo puxo en valor o exemplo de Ordes e Frades na cooperación entre municipios en servizos comúns que permiten evitar duplicidades e aforrar custos. Ademais, varios proxectos da Mancomunidade da comarca de Ordes, á que pertencen os dous concellos, foron recoñecidos en distintas edicións dos Premios Coopera. Tanto en iniciativas conxuntas con outras entidades locais como de forma individual, a Xunta leva investidos máis de 1,1M€ no municipio de Ordes e outros 810.798 euros no de Frades destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza con actuacións nas infraestruturas e servizos municipais.



