― Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 6 metros
― Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro ao noroeste da Coruña e á provincia de Lugo.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa no noroeste da provincia da Coruña e na Mariña lucense comezará nas últimas horas de hoxe con mar combinada do noroeste con ondas de ata 6 metros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.



