Laura Izard, lesionada de longa duración, e Vicky causan baixa para o duelo de mañá (18.00)
Proba de lume para o Sárdoma de Vigo na sétima xornada da 2ªRFEF, xa que visita, a partir das 18.00 horas, ao Torrelodones, un rival directo na loita pola salvación e que están separados na táboa por un só punto. Mentres que o conxunto vigués, que suma unha vitoria, dous empates e tres derrotas, conta con 5 puntos, o seu rival de mañá, con catro empates e dúas derrotas, ten 4 puntos, ocupando a 13ª posición, en zona xa de descenso.
Rival perigoso por tanto para as de David Ferreiro, que se fixan a obrigación de gañar mañá #ante un Torrelodones que vén de sumar tres empates consecutivos e que non quererá deixarse sorprender no seu campo. O Sárdoma, pola súa banda, vén de caer por 0-1 ante o Pradejón, colíder, aínda que ofrecendo unha seria imaxe en defensa. A esa imaxe apelarán as viguesas para tentar non regresar sen carga de Torrelodones.
Para este encontro David Ferreiro desprazará a 16 xogadoras, xa que non viaxarán nin Vicky nin Laura Izard, lesionada de longa duración.
“Estes tres puntos en xogo son moi importantes para a nosa salvación”, destaca o técnico do Sárdoma de Vigo, David Ferreiro. “A nosa orde cando defendamos será clave para achegarnos á vitoria. Se conseguimos iso e aproveitar os nosos momentos, sendo efectivos teremos moitas posibilidades de traernos os tres puntos para Vigo”, destaca.
A expedición sardomista partirá mañá por estrada, ás 9.30 horas da mañá.



