A Federación Mundial de Termalismo e Climatoterapia -única entidade acreditada neste sector pola Organización Mundial da Saúde- está a celebrar este foro en Italia baixo o título “O termalismo nas sociedades cambiantes”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, interveu na asemblea a través dun vídeo, no que sinalou que “tras a pandemia necesitamos reforzar o papel do turismo termal e todas as posibilidades que a climatoterapia achega ás zonas rurais implicando un estilo de vida saudable”
A provincia de Ourense representou a España como país convidado na 73ª Asemblea Xeral e Congreso Científico Internacional da Federación Mundial de Termalismo e Climatoterapia (FEMTEC), que se celebra ata mañá, 6 de novembro, na localidade italiana de Castel San Pietro Terme (Bolonia), baixo o título “O termalismo nas sociedades cambiantes”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, interveu a través dun vídeo na asemblea, sinalando que “tras a pandemia necesitamos reforzar o papel do turismo termal e todas as posibilidades que a climatoterapia achega ás zonas rurais implicando un estilo de vida saudable” e ofreceu desde a súa posición de presidente da European Historic Thermal Town a cooperación ao presidente da FEMTEC, Umberto Solimeni, tras o recentemente asinado Memorándum de entendemento coa Organización Mundial do Turismo para visibilizar globalmente a este segmento.
Así mesmo, o presidente do goberno provincial agradeceu á delegada da FEMTEC en Galicia, doutóraa María Xenerosa Souto Figueroa, “o seu labor investigador sobre os recursos termais e as augas mineiro medicinais no noso territorio, que foi plasmada en diversas publicacións que contribuíron a poñer en valor o rol da provincia de Ourense nestes foros especializados”, destacou Manuel Baltar.
Na súa intervención en vídeo, Manuel Baltar lembrou aos asistentes do Congreso que Ourense “é a primeira provincia no noso país por número de centros termais, de feito, actualmente contamos con sete instalacións en funcionamento, que contribuímos a dinamizar coa posta en marcha, desde a Deputación de Ourense, dun programa innovador de Termalismo Social que combina tren e balnearios desde calquera punto de orixe en España”. Neste sentido, sinalou que durante estes anos “permitiunos posicionar a Ourense como destino termal de referencia, sendo unha ferramenta única tamén para afrontar o reto demográfico, principalmente, nos municipios rurais”.
Ourense, destino termal
O programa do congreso acolleu na sesión de hoxe unha presentación do ecosistema termal da provincia de Ourense, en representación de España como país convidado a este foro, que foi realizada pola xerente do Inorde, Emma González. Esta abordou a estratexia que está a ser desenvolvida polo goberno provincial para “impulsar un destino competitivo e sostible, mediante a harmonización do dobre modelo de termalismo que combina os establecementos balnearios coas termas ao aire libre”.
Ademais, a xerente do Inorde debullou os obxectivos do Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal, que se está executando durante o período 2022-2024 a través dun convenio de colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense.
FEMTEC
Durante estes días, os principais investigadores do mundo no ámbito da balneología trataron de dar resposta ao tema que centrou o congreso deste ano: “Termalismo en Sociedades Cambiantes. Enfoque multilateral da saúde e o benestar”. Para iso, a programación desenvolveuse baixo unha perspectiva multidisciplinar ao abordar diversas cuestións das áreas técnica, científica e cultural.
A FEMTEC, fundada en 1937, reúne a institucións públicas e privadas que representan aos centros termais nos seus respectivos países. Actualmente son 32 as nacións participantes nesta ONG que é a única institución acreditada no sector pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Ademais, mantén relacións con outras entidades como a Asociación Europea de Balnearios (ESPA), a Organización Mundial do Turismo (OMT), a Sociedade Internacional da Hidrología Médica e Climatológía (ISMH), ou o Instituto de Benestar Mundial (GWI) entre outras organizacións.



