O conxunto vigués impúxose por 0-2 con tantos de María Figueroa e de Nerea Cruz
Sábado, 5 de novembro de 2022.- Tres puntos de ouro os que sumou esta tarde o Sárdoma de Vigo na súa visita ao Torrelodones, con motivo da sétima xornada da 2ª RFEF. Un duelo que enfrontaba a dous rivais directos na loita pola salvación.
Viaxaba o Sárdoma consciente da importancia de reencontrarse coa vitoria (o seu único triunfo ata o de agora na competición fora na terceira xornada, #ante o Athletic C) xa que enfronte tiña a un Torrelodones en postos de descenso e que non fora capaz de estrear a súa casa de vitorias. Presentábase así un momento propicio para dar un pequeno salto na táboa (esta noite durmirá décimo, con oito puntos, á espera do que suceda mañá no resto d partidos da xornada), e o conxunto vigués cumpriu con fartura, regresando a casa cos tres puntos e unha gran dose de tranquilidade.
O resultado quedou definido xa no primeiro tempo. Foi María Figueroa, no minuto 28, a que adiantou ao seu equipo. Un gol que deu ás ás sardomistas, dispostas a defender a súa vantaxe con uñas e dentes. Apelaron así á imaxe que ofreceron #ante o colíder, Pradejón, a xornada anterior, na que a pesar da derrota por 0-1 mostráronse moi sólidas na liña defensiva.
Foi Nerea Cruz, no min. 44, a que marcou o segundo tanto vigués en Torrelodones. No segundo tempo a misión foi evitar deixarse sorprender polo rival, que encaixaba así unha dura derrota no Julián Ariza.
A próxima xornada as de David Ferreiro reciben ao Osasuna Feminino B, que hoxe vencía por 1-0 ao Viaxes Interrías FF e que chega na terceira praza da táboa con 16 puntos. O encontro está fixado para o día 13 de novembro, ás 12.00 horas, en As Relfas.



