• O concelleiro delegado da área, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), lembra que esta acción, que se prolongará durante o primeiro semestre de 2023, é gratuíta
• Os datos de desemprego correspondentes ao mes de outubro sitúan as cifras actuais en preto do 50% máis baixas que en 2014, cando se acadou un preocupante teito de 1.635 persoas sen traballo
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, informa de que o Proxecto VITA, unha formación para persoas emprendedoras de Poio impulsada por este departamento municipal, celebrará unha primeira sesión presencial informativa o vindeiro 20 de decembro, nas dependencias do Centro de Formación da Reiboa. As veciñas e veciños interesados en anotarse poderán facelo enviando un correo electrónico a promocioneconomica@concellopoio.org ou chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1260).
Esta formación, que é totalmente gratuíta e que se estenderá ata o verán, busca “asentar as bases necesarias para o desenvolvemento dunha actividade sostible e eficiente, de maneira que se fomente a creación de novas oportunidades profesionais”, sinala Agís, que recalca a importancia de apostar por ferramentas que axuden a consolidar o crecemento da riqueza e da dinamización comercial, turística e empresarial en Poio. “Pola información que nos trasladan desde a Oficina de Orientación Laboral temos constancia de que cada vez máis xente aposta por emprender a súa propia aventura profesional ou dar vida a un negocio. Por iso desenvolvemos este tipo de iniciativas, que axuden a consolidar esas propostas, ao tempo que facilitamos a creación dunha rede de emprendedores e emprendedoras a nivel municipal, que sempre pode resultar útil para a xente en busca de emprego”, engade o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo.
Son un total de 20 as prazas que se ofertan para este programa. Daráselle prioridade nas inscricións á veciñanza de Poio. As sesións serán impartidas por Carla d’Pont, doutora en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Vigo e que conta con máis de oito anos de experiencia internacional en comunicación e ventas en Austria. No último ano asesorou e formou a máis de setenta persoas que emprendían proxectos e máis de 7 países.
Ademais participou activamente en comunidades de mulleres impartindo formación sobre negocios dixitais e marca persoal. Agís explica que o programa dividirase en diferentes fases, como son a implantación das bases do negocio online e a creación dunha marca, o desenrolo de visibilidade a través da aprendizaxe da escritura de articúlaos con nocións de SEO ou a resolución de dúbidas sobre o negocio de marca persoal mediante a creación de redes e conexións profesionais.
O índice de desemprego segue nos niveis máis baixos da última década
Por outro lado, Gregorio Agís tamén valorou os últimos datos correspondentes ao desemprego no municipio, onde o mes de outubro rematou con 890 persoas nesta situación. “Sen dúbida temos que seguir traballando para que, dentro das posibilidades que temos desde o Concello, poidamos seguir consolidando á tendencia á baixa en comparación cos últimos anos”, apunta o edil do PSdeG-PSOE, que salienta que esta cifra supón unha baixada do 46% con respecto ao mesmo mes de 2014, cando en Poio había un total de 1.635 veciños e veciñas en busca de traballo.
“Este ano e 2021 son os primeiros en máis dunha década nos que estamos por debaixo dos 900 parados e paradas, o que sitúa a taxa nun 11%. O noso obxectivo é continuar reducíndoa e que Poio se siga a consolidar como un concello dinámico e cunha actividade empresarial importante”, finalizou Gregorio Agís.



