― O xerente, José Flores Arias, mantivo hoxe na sede da Confraría Sindical de Pescadores Virxe do Rosario de Vilaxoán un encontro con representantes da asociación veciñal desta parroquia vilagarciá no que se confirmou a dita previsión sanitaria
― O consultorio vilaxoanense retomará a actividade asistencial nas mesmas condicións e dotación anterior á súa inactivación, cumprindo así un compromiso adquirido polo Conselleiro de Sanidade meses atrás na súa visita ao Concello de Vilagarcía de Arousa co gallo do asinamento do convenio para a construción dun novo centro de saúde nesta localidade
― A actividade asistencial de Atención Primaria do consultorio de Vilaxoán desenvolverá a súa prestación de luns a venres en horario de 8 a 15 horas
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reactivará asistencialmente o vindeiro xoves a prestación de Atención Primaria do consultorio vilagarcián de Vilaxoán. Así llo confirmou o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Jose Flores Arias, aos representantes da asociación veciñal desta parroquia vilagarciá Javier Alcalde, Manuel Deaño, Salvador Iglesias e Manuel Rozados.
Nun encontro mantido hoxe na sede da Confraría Sindical de Pescadores Virxe do Rosario de Vilaxoán, o xerente da área sanitaria de Pontevedra ou Salnés -que estivo acompañado da portavoz do Partido Popular no Concello de Vilagarcía de Arousa, Ana Granja e da parlamentaria autonómica Elena Suarez- confirmou aos veciños que o vindeiro xoves 10 de novembro de 2021 o consultorio vilaxoanense retomará a actividade asistencial nas mesmas condicións e dotación de efectivos que antes da súa inactivación, cumprindo así un compromiso adquirido polo Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, meses atrás no transcurso da súa visita ao Concello de Vilagarcía de Arousa co gallo do asinamento do convenio para a construción dun novo centro de saúde nesta localidade.
Actividade de luns a venres de 8 a 15 horas
Segundo as previsións que manexa o Servizo Galego de Saúde no distrito sanitario de O Salnés, a actividade asistencial de Atención Primaria do consultorio de Vilaxoán desenvolverá a súa prestación de luns a venres en horario de 8 a 15 horas.



