Filgueira: “O sr Cubela debería ser claro coa veciñanza rexeitando contundentemente o boom eólico co que, as grandes enerxéticas en conivencia coa Xunta do PP, pretenden converter a Cerdedo-Cotobade nun mega-polígono industrial con gravísimos problemas para as nosas parroquias e o noso medio natural”.
O BNG leva ano e medio denunciando as ameazas que axexan sobre o monte comunal tanto en forma de invasión eólica coma a causa das modificacións lexislativas que está a desenvolver o PP no Parlamento Galego. Máis, o noso concello segue a ser vítima das pretensións das grandes enerxéticas que, en clara conivencia co PP, queren facer da nosa bisbarra un mega-polígono eólico que atenta contra a vida da veciñanza que vive no rural. O BNG leva esixindo que se faga unha planificación seria e rigorosa dos parques eólicos, analizando o impacto na súa globalidade e con criterios de transparencia, participación, sustentabilidade, e con repercusión económica na zona.
O BNG non comparte que se sature o noso territorio de muíños de vento, coas súas correspondentes infraestruturas, sen un estudo serio e completo das súas afectacións, que son moitas, dende o discorrer das augas, a destrución do medio natural, o impacto visual e sonoro, os graves prexuízos para a diversidade animal e vexetal, o paso de liñas de alta tensión polo noso territorio, muíños moi preto das vivendas, o efecto de depreciación das propiedades como consecuencia das poligonais,… demasiados impactos para o nulo beneficio que pretenden deixar na nosa comunidade.
O BNG leva tempo promovendo actos informativos fronte á opacidade do sr Cubela e a Xunta, andainas reivindicativas nas parroquias afectadas, participación nas manifestacións convocadas pola veciñanza (mesmo algunha con faltas notábeis do alcalde), iniciativas debatidas no Parlamento Galego. Ademais, das alegacións presentadas a todos os parques eólicos que afectan a Cerdedo-Cotobade: Os Cotos, Campo das Rosas, Porto Vidros, Siroco, Tramontana, Pedra Longa e Rula, Cabenelas, Pedra Longa, Cabanelas e agora o proxecto eólico de Borreiro. Un proxecto promovido por Naturgy de 20MW onde prevé a instalación de 5 aeroxeradores de 6MW, 200m de altura e unha liña eléctrica de 8 kms con conexión a subestación de Campo das Rosas, en Quireza. A poligonal do P. E. de Borreiro ten unha superficie de 1.052,75 hectáreas que determinaría unha grande afección ás propiedades das parroquias de Quireza e Tomonde.
O BNG aposta por unha enerxía limpa, xusta, galega e sustentábel co medio e o territorio. Un modelo contrario ao que está a promover o gran capital, cóbado a cóbado co PP, facilitando a depredación, o escurantismo e as portas xiratorias.
Por todo o exposto, o BNG ven de anunciar unha moción no pleno de final de novembro na que se insta á corporación a rexeitar o parque eólico de Borreiro e ao sr Cubela e ao PP a presentación informes técnicos e alegacións conxuntas do goberno e oposición.
Filgueira: “O sr Cubela mailo seu cómplice goberno, agáchanse detrás das súas abstencións ás mocións do BNG para que resulten aprobadas ficando así rexeitado o boom eólico depredador que axexa aos nosos montes, máis o PP do sr Cubela nunca da a cara e son os responsábeis da ruptura da unidade de acción municipal fronte aos intereses lexítimos da nosa veciñanza de querer habitar nun rural vivo, con calidade de vida e digno”.



