HomePontevedraCaldasO Concello de Pontecesures repartirá 2.600 discos de estacionamento coa lenda “Non...

O Concello de Pontecesures repartirá 2.600 discos de estacionamento coa lenda “Non á violencia de xénero”

- Anuncio -spot_img

O programa do 25-N inclúe formación para crear unha rede de locais comerciais seguros, unha charla sobre control parental do acceso da mocidade ás redes sociais e un curso de defensa persoal para mulleres

O Concello de Pontecesures ten preparada unha ampla programación para a conmemoración do 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, que se desenvolverá ata o vindeiro 10 de decembro. Baixo a lenda “Non estás soa”, a Concellería de Igualdade que dirixe Laura Villar elaborou un amplo programa con actividades dirixidas aos distintos colectivos do municipio.

A primeira acción será o reparto de 2.600 discos de estacionamento, editados polo Concello de Pontecesures en colaboración coa Deputación de Pontevedra, coa lenda: “Non á violencia de xénero” sobre unha fotografía nocturna da ponte romana. “Ao longo desta semana iniciaremos o envío dos discos de estacionamento á veciñanza de Pontecesures. Farémolo seguindo o Padrón Municipal de Vehículos, entregándolle un exemplar a cada titular dun vehículo xunto cunha carta informativa que busca sensibilizar a esas persoas en cuestións de violencia contra a muller”, explica Laura Villar, concelleira de Igualdade de Pontecesures.

Locais comerciais seguros

Así mesmo, o Concello de Pontecesures contactará ao longo desta semana cos distintos locais comerciais e de hostalería do municipio co obxecto de convidalos a participar nunha acción formativa en protocolos de actuación contra a violencia de xénero. “A nosa intención é crear unha rede de locais comerciais seguros contra a violencia de xénero, onde o persoal do comercio e da hostalería coñezan tanto os protocolos a seguir no caso de que se produza un episodio de violencia de xénero na súa contorna como os recursos aos que poden acudir”, apunta a concelleira de Igualdade.

O Concello de Pontecesures ofrecerá a posibilidade de formarse de forma presencial (con sesións na Casa do Concello o mércores 16, xoves 17 e venres 18 de novembro, en horario de 20:30 a 22:00 horas) ou en liña (entre o sábado 19 e o mércores 23 de novembro). Unha vez rematada a formación, os establecementos recibirán o correspondente distintivo como “Local comercial seguro contra a violencia de xénero”, cuxa entrega terá lugar o propio 25 de novembro. A día de hoxe, xa hai vinte establecementos anotados na iniciativa.

Sensibilización

Por outra banda, o Concello de Pontecesures organiza unha charla sobre o acceso da mocidade ás redes sociais e métodos de control parental, que terá lugar o mércores 23 de novembro, ás 19:00 horas, na casa do concello. Unha iniciativa formativa dirixida a pais e nais, para que aprendan sistemas para controlar o acceso dos seus fillos e fillas a Internet e ás distintas redes sociais.

Finalmente, a parte formativa da programación do 25-N do Concello de Pontecesures pecharase o sábado 10 de decembro cun curso de defensa persoal para mulleres, en colaboración coa Xunta de Galicia. Un curso que terá lugar en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20 horas, para o que será preciso anotarse previamente na casa do concello.

O Concello de Pontecesures complementará estas actividades con dúas accións especiais de sensibilización veciñal contra a violencia de xénero. A primeira delas terá lugar o venres 18 de novembro, data na que a campaña “Agresión Off: eu digo non á violencia sexual” chegará á Plazuela. A partir das 16:00 horas, o stand promovido pola Consellería de Emprego e Igualdade ofrecerá á veciñanza de Pontecesures distintos obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas, dirixidos a todas as idades e divididos en distintas áreas de traballo para sensibilizar á poboación contra a violencia sexual.

Entre as temáticas que se abordarán nesta “Xornada do punto violeta” figuran o desmantelamento de estereotipos de xénero para combater o sexismo desde a infancia, alertar dos micromachismos presentes na nosa sociedade, salientar a importancia de educar en igualdade, desbotar mitos sobre o amor ou alertar dos riscos de violencia a través das novas tecnoloxías.

Finalmente, o propio venres 25 de novembro, a caravana morada contra a violencia de xénero fará parada en Pontecesures. Trátase dun programa de sensibilización, prevención e atención a agresións sexuais. Unha psicóloga especializada en xénero e unha asesora xurídica informarán, asesorarán e darán visibilidade ao rexeitamento comunitario ao acoso e ás agresións sexual. Así mesmo, repartirán folletos informativos entre a xente que se achegue.

Publicacións Relacionadas