Manuel Baltar foi o encargado de presidir esta primeira reunión de traballo como máximo representante da entidade executora do Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, a desenvolver entre as anualidades 2022-2024 a través dun convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo
O presidente do goberno provincial sinalou que, ata este momento, na primeira etapa completáronse tanto a formación como a avaliación de 25 servizos turísticos, dos cales 23 non dispoñían previamente de ningunha certificación
As entidades integradoras da Mesa da Calidade son a Axencia de Turismo de Galicia, a Confederación Empresarial de Ourense, a Universidade de Vigo, a Confederación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo, o Xeodestino Ribeiro-Carballiño, o Xeodestino Celanova-Xurés, o Xeodestino Verín-Monterrei, a Asociación Guías Turísticas de Galicia e a Asociación Axencias de Viaxe de Galicia
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu esta mañá a reunión coa que se constituíu a Mesa de Calidade do Destino SICTED “Ourense Termal”, como máximo representante da entidade que executa o Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” entre as anualidades 2022-2024 a través dun convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
O Sistema Integral de Calidade é “unha ferramenta de gobernanza e cooperación público-privada que nos permitirá lucir a certificación correspondente e, sobre todo, apostar pola mellora continua e a análise da satisfacción do noso visitante, nun momento crucial tras a chegada da Alta Velocidade Ferroviaria”, explicou o presidente do goberno provincial.
O presidente da Deputación detallou que, ata este momento, nesta primeira etapa completáronse tanto a formación como a avaliación 25 servizos turísticos, dos cales, 23 non dispoñían previamente de ningunha certificación.
Mesa de Calidade Turística
Aínda que, esta liña de traballo estenderase ao resto do territorio, coa creación doutros destinos SICTED que teñan interese en diferenciarse pola orientación ao cliente e para o que contarán co apoio do Inorde, as entidades que pasan a configurar dun modo permanente a Mesa da Calidade son as seguintes: a Axencia de Turismo de Galicia, representada na reunión por Enrique Pérez Etcheverría m da área de Calidade; a Confederación Empresarial de Ourense, representada pola súa presidenta, Marisol Nóvoa; a Universidade de Vigo representada pola vicerreitora Elena Rivo; a Confederación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo, representada polo seu presidente, Ovidio Fernández; o Xeodestino Ribeiro-Carballiño, representado pola súa vicepresidenta, Patricia Torres; o Xeodestino Celanova-Xurés, representado polo propio Inorde como ente reitor do mesmo; o Xeodestino Verín-Monterrei, representado polo presidente da Mancomunidade de Monterrei, José Luís Suárez; a Asociación Guías Turísticas de Galicia, representada por Rubén Araúxo; e a Asociación Axencias de Viaxe de Galicia, representada polo seu presidente Juan Rivadulla.
Na súa intervención, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, propuxo como presidente da Mesa de Calidade a Rosendo Fernández, vicepresidente primeiro e titular do Inorde, organismo autónomo que dentro deste goberno provincial ten atribuída a función do desenvolvemento turístico.
As funcións que desempeñarán, a partir de agora, os integrantes da Mesa de Calidade serán as seguintes: analizar a situación turística do destino a nivel global, propoñer obxectivos e accións correctoras dirixidas á mellora global, valorar anualmente a situación e os resultados dos participantes no proxecto SICTED, propoñer ao comité de distinción da concesión, renovar ou retirar distintivos das empresas/servizos turísticos participantes do destino SICTED e, por último, estudar os resultados das enquisas efectuadas no destino.
Tras a constitución da mesa da Calidade analizáronse as propostas dos servizos turísticos que completaron a formación e superaron a avaliación, para elevar estas a o Comité de Distinción Nacional -que terá lugar no mes de decembro na Secretaría de Estado de Turismo (SETUR), e desde aí lograr a certificación de todos eles co obxecto de contribuír á súa diferenciación, á mellora continua e á competitividade do Destino.
Sistema Integral de Calidade Turística En Destino
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola SETUR, co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e a colaboración das comunidades autónomas, que traballa con Servizos turísticos de ata 36 oficios diferentes, co obxectivo último de mellorar a experiencia e satisfacción do turista.
A diferenza esencial con respecto a outras certificacións, é que o Compromiso de Calidade Turística, neste caso, non obedece a unha decisión individual dunha empresa, se non que se trata dunha actuación conxunta na que primeiro se crea o destino no marco do Sistema, e despois nútrese de servizos. “Por iso, foi indispensable os pasos dados por parte da administración para crealo xa que, doutro xeito, non estaría ao alcance das empresas”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense.



