• A iniciativa está organizada pola Concellería de Cultura e Educación, dentro da programación para conmemorar o 50 aniversario do Conxunto Histórico de Combarro
• A edil nacionalista Raquel Rodríguez salienta a implicación da rapazada, que, tras un traballo previo nas aulas, visita o casco antigo para localizar e realizar fotos de emprazamentos “que agochan curiosidades e particularidades históricas do lugar que non todo o mundo coñece”
Preto de 100 alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria dos colexios de Poio participan no programa Combarro City Chase, un proxecto moi orixinal que se impulsa con motivo da celebración do 50 aniversario do Conxunto Histórico da parroquia e a través da cal as crianzas teñen a oportunidade de descubrir e familiarizarse con este enclave tan emblemático dunha forma do máis orixinal. A iniciativa está impulsada desde a Concellería de Cultura e Educación, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez. Precisamente, a titular deste departamento desprazouse este mércores ata o casco antigo para acompañar aos primeiros grupos escolares na realización desta iniciativa, ao igual que a responsable de Patrimonio, a tamén nacionalista Marga Caldas.
Neste sentido, Rodríguez Alonso lembra que xa desde hai varias semanas os cativos e cativas están a traballar nunha unidade didáctica nos seus centros educativos que versan sobre Combarro. “Agora, con estas excursións, poñen en práctica os coñecementos adquiridos”, explica. Un total de 31 estudantes do CEIP Chancelas foron os encargados de estrear estas saídas, que tiveron que adiarse durante algúns días por mor das inclemencias meteorolóxicas. Mañá xoves será a quenda dos nenos e nenas de 5º curso de Lourido e Viñas. As últimas visitas serán o martes 15 de novembro para a rapazada dos CEIPs Espedregada e Isidora Riestra.
Coas súas cámaras fotográficas dixitais e uns planos nos que figuran os nomes das rúas e dos monumentos emblemáticos do casco histórico, os grupos de alumnos e alumnas parten desde a Praza da Chousa e, durante aproximadamente unha hora e media, deben atopar e capturar en imaxes unha serie de curiosidades e emprazamentos que se agochan entre a historia deste lugar. “Para poder identificar as zonas nas que facer as fotografías a rapazada fai uso de todo o aprendido previamente nas aulas. Entendemos que está é unha fórmula eficaz, amena e divertida para que os nosos nenos e nenas poidan coñecer un lugar tan importante como Combarro dunha forma máis completa, sendo conscientes dos segredos e atractivos que en moitas ocasións poden incluso pasar desapercibidos para moitos visitantes”, sinala a concelleira de Cultura e Educación.
Esta actividade, xestionada por Marexada, é gratuíta e, unha vez finalizada, o equipo de monitores e monitoras achegarán aos centros educativos unha ligazón para a realización dunha enquisa ‘on line’, que se poderá completar de xeito anónimo para valorar o grao de satisfacción da actividade. Ademais, as crianzas tamén terán a oportunidade de opinar sobre a experiencia vivida en Combarro estes días. “Agradecemos a implicación do tecido educativo á hora de favorecer a realización dunha actividade que forma parte da programación do 50 aniversario do nomeamento do Conxunto Histórico de Combarrro e que supón unha fórmula máis para que as nosas cativas e cativos sexan conscientes da riqueza patrimonial, histórica e tradicional que ten este emprazamento”, conclúen Raquel Rodríguez e Marga Caldas.



