• O presidente provincial do PP definiu o encontro de traballo como “un gran exercicio de colaboración” e destacou o traballo de senadores “que xa coñecían a nosa realidade a través dos representantes ourensáns e que agora comproban ‘in situ’ as nosas potencialidades”.
• “Nesta reunión puxemos sobre a mesa as incertezas derivadas de cuestións como o proxecto dos PGE, precisamente nun momento no que provincias como Ourense necesitan un impulso extra a través de políticas reais de cooperación”, sinalou Manuel Baltar.
• O portavoz de Agricultura do PP na Comisión, Jorge Martínez, esixiu medidas de apoio ao sector primario e a necesidade de reducir burocracia. E cuestionou a problemática que desprende a nova PAC e o novo regulamento de fitosanitarios deseñados polo Parlamento Europeo.
• Os membros populares da Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación visitaron o Centro Agrogandeiro do Inorde, o CRDO do Ribeiro e a inauguración de Xantar.
O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, reuniuse esta mañá na sede do partido en Ourense cos membros populares da Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Senado, que se atopan de visita en Ourense, para abordar os retos actuais aos que se enfronta o sector primario en España e, en concreto, na provincia.
Manuel Baltar estivo reunido na sede do PP de Ourense cos portavoces populares nesta comisión da Cámara Alta de Pesca -a cántabra Amaya Landín-, Agricultura -o palentino Jorge Martínez-, e de Alimentación -o xienense Francisco Javier Márquez-; ademais dos senadores Antonio Serrano -por Albacete-, Teresa Ruiz -designada polo Parlamento de Andalucía-, José Enríquez Sánchez -Huelva-, José Manuel Tortosa -Conca-, e os ourensáns Miguel Ángel Viso -vicepresidente da Comisión de Agricultura-, Carmen Leyte e Francisco José Fernández.
Manuel Baltar definiu a reunión como “un gran exercicio de colaboración, compartindo experiencias que repercuten directamente na nosa acción política”, da man de senadores “que xa coñecían a nosa realidade a través dos representantes ourensáns nas Cortes e que agora comproban ‘in situ’ as nosas potencialidades, eixos estratéxicos como son as Denominacións de Orixe, o Centro Agrogandeiro do Inorde ou Xantar”.
Despois da reunión, o presidente do PP de Ourense explicou que “compartimos todas estas incertezas derivadas de cuestións como o propio proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado. Factores de desestabilización que aínda acrecentan máis as preocupacións dunha España con provincias como Ourense, necesitadas dun impulso extra a través de políticas de cooperación real entre as administracións provinciais, autonómicas, estatal e europea”.
Pola súa banda, o portavoz de Agricultura do PP na Comisión, Jorge Martínez, esixiu medidas de apoio ao sector primario e a necesidade de reducir burocracia. Ademais, o senador tamén se referiu ás preocupacións que espertan dous eixos de actuación. Por unha banda, o marco da nova PAC -“Vén con importantes recortes para os nosos agricultores e gandeiros, con esixencias que van xerar complicacións nuns momentos con elevadísimos custos de produción”- e, polo outro, a problemática derivada do novo regulamento de fitosanitarios deseñados no Parlamento Europeo: “Imos pedir o seu aprazamento, porque ese 50% de redución que piden é inviable en sectores como a pataca ou o viño en Ourense mentres non aparezan alternativas coa suficiente eficacia e cun custo adecuado”.



