HomeXunta de GaliciaO Proxecto Mente dos investigadores en saúde mental do CHUP galardoado polos...

O Proxecto Mente dos investigadores en saúde mental do CHUP galardoado polos médicos de familia de Galicia

- Anuncio -spot_img

― A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria -AGAMFEC- premia esta iniciativa na que colaboran profesionais do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, do centro de saúde vigués de Teis e do Plan Comunitario de Teis


― Este barrio vigués actúa como un lugar idóneo para estudar as consecuencias das crises sanitaria e económica derivadas da pandemia na saúde mental dos máis novos


― A investigación buscará a colaboración do Concello de Vigo e os centros educativos de Teis nas vindeiras fases do proxecto, que se centrarán na intervención social

Durante as XXV xornadas da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria -AGAMFEC- celebradas a pasada fin de semana, entregouse o premio á mellor comunicación oral ao Proxecto Mente. Dito estudo xorde froito da colaboración de varios investigadores do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e do centro de saúde vigués de Teis, así coma do Plan Comunitario de Teis. O Proxecto Mente -desenvolvido a través do Instituto de Investigación Galicia Sur- ven de rematar a súa primeira fase na que se estudou, mediante entrevistas con actores sociais clave, o impacto da pandemia e da crise económica na saúde mental da mocidade do barrio vigués de Teis.

Teis reflicte a situación emocional da mocidade en Galicia
O rápido crecemento e industrialización de Teis converteu a este barrio, segundo os investigadores implicados no Proxecto Mente, nun lugar idóneo para estudar o impacto da pandemia e da crise económica no benestar emocional dos máis novos. A través de múltiples conversas con profesores, orientadores, traballadores sociais, psicólogos e mesmo pediatras, este proxecto logrou facer un primeiro retrato da realidade da xuventude de Teis, extrapolable á doutras poboacións galegas.

Esta investigación pioneira, que abrangue a profesionais sanitarios e do eido social, apunta a que a crise de saúde mental é anterior á COVID, pero que a situación derivada da pandemia agudizou o problema, facendo aumentar, por exemplo, as condutas autolesivas entre a poboación xuvenil.

Colaboración para a abordaxe da saúde mental na xuventude
O traballo premiado polos Médicos de Familia de Galicia é só unha primeira aproximación a un proxecto máis ambicioso para o que se solicitará financiamento nos vindeiros meses. As novas fases deste traballo consistirían nun proceso de intervención comunitaria, na que se tentará involucrar ao Concello de Vigo e aos distintos centros educativos do barrio, cuxa colaboración pode ser clave.

Segundo apuntan os creadores do Proxecto Mente, a situación de saúde mental entre os mozos de Teis presenta unha casuística social, urbanística, económica e sanitaria que precisa da colaboración e coordinación entre todas as institucións e actores implicados, tentando crear unha rede de apoio social que, co tempo, logre diminuír os problemas de saúde mental, adecuando a resposta do entorno á realidade social.

Publicacións Relacionadas