HomePontevedraO SalnésO BNG participou esta mañá na concentración convocada por SOS Sanidade Pública...

O BNG participou esta mañá na concentración convocada por SOS Sanidade Pública de Ogrobe en Compostela

- Anuncio -spot_img

Prado advirte que “o PP pon en continúo risco a saúde d@s nen@s galeg@s”.

Torres sinala que o anuncio do Sergas da incorporación dunha pediatra non é máis que un “parche” .

Os concelleiros David Torres e Sara Abeijón, acompañados pola deputada no Parlamento Galego, Montse Prado participaron hoxe na mobilización convocada por SOS Sanidade Pública de Ogrobe en Compostela para demandar servizo de pediatría neste concello.

Montse Prado, portavoz de Sanidade, denunciou a “situación dramática da Atención Pediátrica” en Galiza e concretamente na comarca do Salnés desde hai meses. “Se a Atención Primaria, en xeral, está nunha situación de deterioro total, no caso da atención pediátrica é moito máis grave” , criticou.

A deputada afondou na situación do servizo de Pediatría na comarca do Salnés, onde miles de nen@s non teñen ningún facultativo asignado, o que significa que só teñen consulta de patoloxía urxente. A actividade non urxente, como as revisións periódicas, controis de saúde, calendarios vacinais, están sendo relegadas, aprazadas constantemente, cada vez por períodos máis longos de tempo. Diante disto, Prado alertou que “o PP está poñendo en risco a saúde d@s nen@s” e privando ás nosas crianzas “dun dereito fundamental como é o dereito a unha atención sanitaria de calidade”.

Para a parlamentaria isto non é máis que unha estratexia da Xunta de Galiza para desmantelar a sanidade pública e “empuxar ás nais e pais a acudir á sanidade privada, non por escolla senón por pura necesidade”. “As crianzas teñen dereito á asistencia polos profesionais especialistas en pediatría”, concluíu.

Por outra banda, o concelleiro David Torres pronunciouse nos mesmos termos, sinalando que “a xente de Ogrobe está farta da falta de atención sanitaria no noso concello”.

“Unha vez máis a veciñanza de Ogrobe saímos á rúa para reclamar o que por dereito nos corresponde, unha sanidade pública e de calidade”, apuntou Torres.

O concelleiro criticou duramente o anuncio por parte da Consellaría da incorporación dunha pediatra e de seis facultativos para o centro de saúde. “O servizo de pediatría no noso concello só será durante un par horas 6 días ao mes, polo que isto non dará solucións aos problemas de falta da atención pediátrica no noso concello, nin cubrirá as necesidades para atender adecuadamente as nosas crianzas”.

Para Torres, isto non é mais que un parche por parte do Sergas, “a cobertura de profesionais no servizo de Atención Primaria polas mañás, non foi a costa de ter máis médic@s, se non que se espiu a un santo para vestir a outro”, xa que agora “temos médic@s nas consultas da mañá, pero temos ao servizo de PAC cun só médico dos 4 que deberían estar, polo que cando ten os seus días libres ou colle as vacacións deixamos de ter servizo de PAC no centro de saúde”, criticou.

“Hoxe é un día de protesta diante da Xunta de Galiza, onde o pobo de Ogrobe berra alto e claro -Queremos médic@s e pediatras XA!-“, sinalou o nacionalista e dende “o BNG non aceptamos os parches que fai o Sergas, queremos solucións definitivas e vemos que a presión é o único que entende o PP para cambiar as súas políticas contra a Sanidade Pública”, advertiu.

Publicacións Relacionadas