HomeVigoPazos de BorbénAnselmo Táboas preséntase á alcaldía de Pazos de Borbén "para sacar da...

Anselmo Táboas preséntase á alcaldía de Pazos de Borbén “para sacar da uci a este concello, que leva 24 anos parado”

- Anuncio -spot_img

O candidato socialista afirma que se chega á Alcaldía desbloqueará de inmediato as obras da estrada Os Valos-Amoedo

“Vou por todas. Quero facer historia converténdome no alcalde que cambiou as cousas; o alcalde que acabou coa división entre veciños/as de primeira e de cuarta”

O PSdeG-PSOE irrompe na precampaña das Eleccións Municipais renovando completamente a súa proposta para Pazos de Borbén cun candidato novo, ilusionado e que responde á vontade de cambiar as cousas. Anselmo Táboas Muras, secretario xeral local socialista, asume o reto “para sacar da UCI ao Concello de Pazos, reactivalo e acabar así con esta longa etapa de 24 anos de parálise municipal”.
O acto de presentación celebrouse no Centro Cultural de Nespereira cunha nutrida presencia de veciños e veciñas e contou coas intervencións da presidenta do PSdeG-PSOE e da Deputación, Carmela Silva; do secretario xeral provincial e delegado da Zona Franca, David Regades e do vocal da Executiva local, Juan Murias.
Táboas arrancou anunciando que se despois das eleccións municipais de maio é elixido como alcalde desbloqueará as obras da totalidade do trazado da estrada provincial EP-2702, Os Valos-Amoedo, que o actual alcalde leva entorpecendo dende 2018. Anunciou, ademais, que impulsará as tres fases da obra, tanto a primeira, que cun orzamento dun millón de euros corre por conta da Deputación ao ser unha ampliación da plataforma, como as dúas seguintes, que abranguen a parte do trazado que transcorre polo núcleo de Nespereira e onde será necesario asinar convenios entre Concello e Deputación porque se proxectará unha senda peonil e servizos de competencia municipal. “O actual alcalde non moveu un dedo, e, se eu son alcalde, vai haber movemento”. “Quero que esta parte da estrada se humanice como se está facendo no resto dos concellos da provincia de Pontevedra e se converta nunha vía integral pola que se poida camiñar con seguridade; non podemos seguir quedando atrás; xa perdemos tempo bastante”, concluíu.
“Vou por todas. Quero facer historia. Quero ser alcalde para cambiar as cousas, para que a xente perda o medo, para ser un alcalde de toda a veciñanza e non só dos que me votan; que todo o mundo entenda que se acabaron os tempos nos que mesmo a potencia das luminarias no rural depende de a quen vota a xente, que se acabaron os tempos dos caciques”. Táboas afirma que o Concello de Pazos de Borbén está lastrado por un forte deterioro institucional, cun alcalde e un equipo de goberno enfrontado a boa parte das comunidades de veciños, de montes e cos colectivos socioculturais. “Aquí, agora mesmo hai veciños de primeira, que son os que lle bailan a auga ao alcalde, e o resto somos veciños de cuarta; eu quero ser o alcalde que acabe con iso”. “En Pazos de Borbén xa sufrimos demasiado a un alcalde que está superado, que xa non dá máis de si”.
O candidato socialista proponse loitar contra o despoboamento atallando problemas crónicos como a falta de vivenda, a pesar de que hai moita xente interesada en construír. “Necesitamos un Plan Xeral de Urbanismo que dea saída a esa demanda de solo edificable”, explicou. Tamén apunta ás graves deficiencias do saneamento (especialmente no polígono de Amoedo, que provoca vertidos constantes ao río Alvedosa). Propón, ademais, ampliar a recollida selectiva a todo o municipio, dado que na actualidade apenas hai un colector específico por parroquia e poñer en marcha un calendario de actividades socioculturais estable para dinamizar o municipio. O Concello, explica, debe reclamar con forza servizos públicos de calidade comezando pola sanidade (faltan médicos/as e pediatra no centro de saúde), ademais do mantemento da plantilla docente nos centros educativos. Ademais, pretende dar a batalla pola mellora do transporte público e conectalo adecuadamente co instituto.
David Regades afirmou na presentación que “non se pode ser máis de Pazos de Borbén que Anselmo, pois de aquí é a súa muller, os seus pais, os avós e ata os bisavós”. Ademais anunciou que está desexando axudar, dende a Zona Franca, á regularización e consolidación do polígono industrial de Amoedo. “Anselmo, agardo que poidamos avanzar, porque o actual alcalde nunca me chamou para nada”. Carmela Silva, pola súa banda, lamentou os atrancos para a execución das obras da estrada Os Valos-Amoedo e destacou que a Deputación está desexando colaborar como fai con tódolos concellos da provincia. Ademais reivindicou que a Administración provincial é a única que está investindo e transformando Pazos. “Os únicos carteis de obra que se ven son os da Deputación”, remarcou.
Anselmo Táboas Muras é técnico frigorista industrial. Ten 44 anos e reside en Nespereira, parroquia na que ten un forte arraigo. Foi xogador no equipo de fútbol do Nespereira e actualmente adestra aos xuvenís da Sociedade Deportiva de Pazos de Borbén. Foi presidente da Comunidade de Augas de Nespereira, con 233 persoas usuarias, e actualmente é vocal na Comunidade de Montes de Nespereira.

Publicacións Relacionadas