• O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeGPSOE), garante que a actuación se levará a cabo e que “buscaremos outras fórmulas para que este espazo non perda a utilidade que ofrece como punto de encontro á veciñanza”
• O orzamento estipulado supera os 220.000 euros e contemplaba a renovación do firme e a mellora e ampliación de servizos básicos nunha superficie próxima aos 1.000 metros cadrados
O Concello de Poio deberá agardar para poder facer realidade a mellora da Praza de San Martiño, na parroquia de San Xoán. Así o confirma o edil de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), que explica que un informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio, organismo dependente da Xunta de Galicia, imposibilita levar a cabo o proxecto tal e como estaba previsto. Ante esta situación, Agís xa adianta que o Concello buscará alternativas para levar a cabo unha actuación que sirva “para poñer en valor e mellorar os servizos, ao mesmo tempo que se manteñen os usos dun lugar que é un punto de encontro de referencia para a veciñanza de San Martiño”.
Cómpre lembrar que no proxecto deseñado por Urbanismo contemplábase, ademais da dotación e ampliación de servizos básicos, a renovación do firme. Segundo explica o edil socialista, é este último punto o que non permite Patrimonio, pola proximidade da capela.
“O documento de Patrimonio fala de ampliar zonas verdes e axardinadas, pero iso suporía que se perdese o uso que se lle dá á praza, onde celebran eventos e actividades de xeito habitual”, advirte Agís, de aí que se estean a estudar outras fórmulas para executar os traballos con todos os permisos pero sen ese condicionante. “O feito de ter que modificar o proxecto provocará que non se poida facer realidade nos prazos que tiñamos previstos, pero xa estamos na busca de opcións para que a obra se poida levar a cabo cumprindo con todos os requisitos, ao tempo que damos resposta ás necesidades dos e das veciñas da contorna”, garante Agís, que valora a opción, ante a imposibilidade de poder executar a obra a curto prazo, de solicitar fondos na vindeira convocatoria do Plan Concellos, mentres que os previstos para a actuación 220.000 euros, IVE engadido, que tamén foron concedidos a través da Deputación, poderanse destinar a outras actuacións.
No proxecto orixinal consta que a actuación afectará a unha superficie que supera os 1.000 metros cadrados, prevendo a supresión de barreiras arquitectónicas e de accesibilidade que existen na actualidade na contorna da praza. Desta maneira, apóstase pola dotación dunha plataforma única de circulación, na que se lle dará prioridade aos peóns fronte aos vehículos no tramo da Rúa Capela. A actuación prevíase levar a cabo nunha zona que actualmente dispón dun firme pavimentado con mestura bituminosa en quente. Búscase a súa demolición, así como a adaptación da rasante á nova superficie, que será “moito máis acorde ás características da zona”, detalla o concelleiro de Urbanismo. O proxecto defende a dotación á praza dunha superficie de adoquín de granito moreno. A maiores, no entronque da praza do Camiño San Martiño instalarase pavimento de formigón raiado semipulido.
Con respecto aos servizos, o proxecto tamén contempla a mellora do sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais, para o cal se instalarán tramos de tubaxe co obxectivo de completar a rede que xa existe na contorna da praza, realizando a pertinente conexión. A actuación completarase coa dotación de novo alumeado, máis sostible e eficiente, e a dotación de céspede sintético para o parque infantil situado neste emprazamento.



