• Nesta ocasión daranse cita máis de 200 exemplares que poderán ser visitados gratuitamente do 16 ao 20 de novembro
O antigo obradoiro de emprego de Cerdedo acollerá, do 16 ao 20 de novembro, o II Concurso Exposición de Aves Psitácidas organizado pola Asociación Astur-Galaica ASGADA, en colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade, na que participarán uns 200 exemplares, entre eles varios campións de España e do mundo de diferentes especies e combinacións de cores.
Durante o concurso, as aves serán examinadas por un xurado cualificador provinte, nesta ocasión, da Comunidade Autónoma de Valencia que basearán as súas valoracións en diferentes factores, como poden ser a mutación, talla, cor, estado da plumaxe, pico e patas, etc.
A exposición estará aberta ó público desde este mércores 16 de novembro en horario de mañá e, a partir do venres tamén de tarde. A xornada de entrega de premios e de clausura terá lugar o vindeiro domingo 20 de novembro, a partir das 12 do mediodía.
O presidente da asociación de criadores ASGADA, Iván Quintela, quen é veciño de Cerdedo-Cotobade, amosou a súa satisfacción pola acollida co que foi recibido este evento por parte do Concello e agradecu a colaboración e facilidades na montaxe da exposición no antigo edificio do obradoiro de emprego.
Iván Quintela animou á veciñanza a achegarse ata Cerdedo para poder admirar as distintas aves que están alí expostas xa que moitas delas son campionas de España e do mundo nas súas respectivas categorías. Esta mostra é unha cita obrigada para os amantes das aves, especialmente das psitácidas, unha afección que vai cada ano en aumento e que mobiliza a un bo número de persoas.
Pola súa banda, o alcalde Jorge Cubela, agradeceu a Iván Quintela e a asociación ASGADA que pensaran en Cerdedo para poñer en marcha este II Concurso Exposición de Aves Psitácidas e animou á veciñanza e tamén aos amantes destes animais a achegarse ata o antigo edificio do obradoiro de emprego para poder contemplar esta mostra faunínstica única no seu xénero.



