O acto contará coa presenza do seu director para poder establecer un coloquio posterior
O Concello de Nigrán ofrece este sábado ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o documental ’10 de Marzo’ coa presenza do seu director, Roi Cagiao, para establecer un coloquio posterior. A entrada é de balde ata completarse o aforo.
Este traballo aborda por primeira vez en formato de longametraxe documental os acontementos do 10 de Marzo de 1972 en Ferrol, un os feitos máis icónicos da loita polas liberdades e os dereitos sociais no noso país no tramo final do franquismo. Este día, en plena folga, unha manifestación convocada polos obreiros da empresa naval Bazan saldouse coa morte de Daniel Niebla e Amador Rey a causa de disparos da policía franquista e centos de feridos. O filme narra, cronoloxicamente, desde a elección do xurado de empresa en 1972; a negociación do convenio; os acontecementos dos días 9 e 10 de marzo; a repercusión internacional dos mesmos, así como o chamado ‘Proceso dos 23’ no que os principais protagonistas foron xulgados tres anos máis tarde. Deste xeito, o director Roi Cagiao e a produtora Arthur Gordon, despois da exitosa ‘Vigo 1972’ (que tamén se proxectou en Nigrán) volven a afondar na historia social galega contemporánea con este novo filme.



