A deputada Luz Doporto recolleu o premio outorgado polo Secretariado do Programa de Cooperación Europea España – Portugal, que recoñeceu o impacto positivo desta iniciativa na mocidade europea
Estas bolsas, enmarcadas no programa Raia Termal, posibilitaron que 20 mozos recentemente titulados tivesen unha experiencia profesional en municipios españois e portugueses da Raia
No Palacio de Congresos e Exposicións de Ayamonte (Huelva), no marco do Seminario de lanzamento de Interreg VIN-A (POCTEP) 2021-2027, a deputada de Benestar e Reto Demográfico, Luz Doporto, recolleu onte pola tarde o premio outorgado polo Secretariado do Programa de Cooperación Europea España – Portugal á Deputación de Ourense polo seu programa de bolsas transfronteirizas desenvolto no marco do Programa Raia Termal.
O acto contou coa presenza das máximas autoridades portuguesas e españolas na materia, entre as que se atopaban a secretaria xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda e Función Pública, Mercedes Caballero; a secretária de Estado do Desenvolvimento Rexional, Isabel Ferreira; e por parte da DG Region da Comisión Europea, Nathalie Verschelde.
“Este premio supón un importante recoñecemento ao traballo desenvolvido pola Deputación de Ourense en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil no marco do Programa de cooperación transfronteiriza Raia Termal”, recalcou Luz Doporto.
Unha das actuacións contempladas en “Raia Termal” foron as bolsas transfronteirizas para mozos titulados, tanto no ámbito universitario como no da formación profesional, foi unha actuación desenvolvida pola área de Benestar da institución provincial.
O Proxecto Raia Termal: a valorización dos recursos termais
O ámbito territorial de actuación do proxecto Raia Termal estivo relacionado cos recursos mineromedicinales de Cortegada, Melgaço, Lobios, Bande, Muíños e Terras do Bouro. O obxectivo do programa foi protexer, recuperar e poñer en valor turístico os recursos naturais ligados ao patrimonio termal transfronteirizo. No marco deste obxectivo incluíuse unha actuación para involucrar aos mozos como actores do proxecto: as bolsas transfronteirizas.
Convocatoria de premios enmarcada no Ano Europeo da Mocidade
POCTEP abriu este ano unha convocatoria de premios para que todos os proxectos transfronteirizos INTERREG financiados por fondos comunitarios durante o período 2014-2020 presentasen accións desenvolvidas no marco dos seus proxectos e que fosen dirixidas a mozos xa que 2022 é o Ano Europeo da Mocidade e motivado porque este ano as celebracións de POCTEP teñen un lema europeo común, “Youth for cooperation” (mozas pola cooperación). A esta convocatoria de premios presentouse o Proxecto Raia Termal coa súa actuación de bolsas transfronteirizas.
Plan piloto de bolsas de reto demográfico
Estas bolsas foron deseñadas como un plan piloto de bolsas profesionais en pequenos municipios rurais de fronteira. Unha actuación que posibilitou que mozos recentemente titulados tivesen unha experiencia profesional, sentindo a iniciativa transfronteiriza como propia e dando visibilidade á mesma fronte a turistas e poboación residente do ámbito transfronteirizo. Incorporáronse profesionalmente ao proxecto 20 mozos a través de bolsas de 1.200 euros mensuais.
No futuro, os socios do proxecto poderán implementar novos programas de bolsas no marco do cofinanciamento de fondos europeos, grazas á experiencia adquirida a través deste plan piloto.
Recoñecemento europeo á Deputación de Ourense
A actuación das bolsas transfronteirizas foi preseleccionada por POCTEP entre todos o proxecto presentados, sendo recoñecida como unha das tres iniciativas transfronteirizas con impacto na mocidade, o que supón un importante recoñecemento ao proxecto Raia Termal.
O aval logrado co recoñecemento por parte de POCTEP ao programa piloto de bolsas é un argumento máis para dar continuidade nos próximos anos ao modelo de bolsas transfronteirizas e incluílo nas actuacións para presentar en futuras convocatorias de fondos comunitarios. Neste sentido, a Comisión Europea aprobou, o 22 de agosto pasado, o Programa Interreg 2021- 2027.
O futuro programa articularase en prioridades que responden a catro Obxectivos Políticos (OP) máis un obxectivo específico Interreg, para os que se estableceron diferentes tipos de accións que poderán financiarse en cada obxectivo.
A área de Benestar da Deputación xa traballa na planificación de proxectos a presentar ás diferentes convocatorias que se esperan a partir xa do presente exercicio e durante todo o novo período de programación de fondos.



