HomeXunta de GaliciaO Hospital Comarcal do Salnés contará antes de final de ano cun...

O Hospital Comarcal do Salnés contará antes de final de ano cun novo equipo de tomografía axial computerizada de última xeneración

- Anuncio -spot_img

― A devandita nova aparataxe, que comezará a súa instalación a vindeira semana, vai ser o primeiro equipo que se instale na Área Sanitaria dentro do programa de renovación de Alta Tecnoloxía de equipamento electromédico do Plan INVEAT


― Durante o período de instalación no hospital arousán -estimado en arredor das catro semanas- disporáse dun operativo alternativo de continuidade asistencial para a realización de TACs no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra

O Hospital comarcal do Salnés contará antes de final deste ano 2022 cun novo equipo de tomografía axial computerizada -TAC-. A devandita nova aparataxe, que comezará a súa instalación a vindeira semana, está destinada a renovar alta tecnoloxía xa dispoñible neste centro hospitalario arousán, que xa contaba cun tempo de actividade operativa superior aos 10 anos.
O novo TAC do Hospital comarcal do Salnés vai ser o primeiro equipo que se instale na Área Sanitaria dentro do programa de renovación de Alta Tecnoloxía de equipamento electromédico do Plan INVEAT -plan de inversión en equipos de alta tecnoloxía sanitaria no sistema nacional de saúde-. Durante o período de instalación no hospital arousán -estimado en arredor das catro semanas- disporáse dun operativo alternativo de continuidade asistencial para a realización de TACs no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Este novo equipo, que incorpora tecnoloxías de última xeneración, ten moitas capacidades clínicas e unha redución de dose de radiación de ata un 82 por cento. Ademáis, este equipo de tomografía axial computerizada incorpora unha tecnoloxía exclusiva de posicionamento do paciente baseado en intelixencia artificial. O devandito sistema mellora os tempos de traballo dos profesionais e aumenta a calidade da resolución dos estudos.

Equipo con novas aplicacións clínicas
Ademais, o novo equipo permite aplicacións clínicas que non presenta o TAC anterior, caso da posibilidade de efectuar estudos cardíacos, estudos de perfusión cerebral para o Código Ictus, á vez que incorpora sistemas de intervencionismo -pode realizar puncións, biopsias e drenaxes- .

Máis aló desas capacidades mencionadas, o novo TAC do Hospital do Salnés tamén dispórá dun sistema de nova xeración baseado en tecnoloxía de intelixencia artificial, que optimiza o fluxo de traballo para mellorar a facilidade de uso, incrementando así mesmo a adquisición de imaxes e sistemas postprocesado, o que lle permitirá unha maior precisión nos estudos diagnósticos.

Publicacións Relacionadas