Desde o BNG da Estrada anunciamos que o vindeiro sábado 26 de novembro, ás 18 horas, no Colexio Público “Manuel Villar Paramá” do Souto de Vea, organizamos unha homenaxe a Maribel Ruíz Ferro, ex-concelleira nacionalista falecida en 2019.
No acto de homenaxe intervirán Xoán Reices (membro do consello local e candidato á alcaldía) Susana Camba (concelleira), Fina Pereira (ex-concelleira), Gonzalo Constenla (ex-concelleiro), Raquel López (ex-concelleira), Juan Soutelo (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui-SOGAPS) e Néstor Rego (deputado no Congreso).
Maribel Ruíz Ferro foi concelleira do BNG entre 1999 e 2011 e exerceu o cargo de Concelleira de Facenda entre 2007 e 2011. Militante comprometida e traballadora, participou tamén activamente de iniciativas sociais e veciñais, así como no eido do feminismo, formando parte do Colectivo Feminista Tabeirós-Terra de Montes.
O acto de homenaxe é público e desde o BNG convidamos a todos os veciños e veciñas, especialmente do val de Vea, a participar deste tributo a unha muller que traballou incansabelmente para defender os intereses da Estrada, así como os dereitos do pobo galego.



