Ás 12:00 horas terá lugar a lectura dun manifesto contra a violencia de xénero e o alcalde entregará os distintivos de locais comerciais seguros
A Plazuela de Pontecesures acollerá mañá venres 25 de novembro, a partir das 12:00 horas, tres actividades programadas polo Concello de Pontecesures na súa programación especial con motivo do Día Internacional contra a violencia de Xénero: a lectura do manifesto institucional, a entrega dos distintivos “Locais comerciais seguros contra a violencia de xénero” e a visita da Caravana Morada contra a violencia de xénero.
O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, será o encargado de dar lectura ao manifesto institucional contra a violencia de xénero ás 12:00 horas, tras o cal procederá á entrega dos distintivos “Locais comerciais seguros contra a violencia de xénero” xunto á concelleira de Igualdade, Laura Villar. Un acto ao que están convidados as persoas responsables dos establecementos e locais comerciais que completen as sesións formativas convocadas polo Concello de Pontecesures.
Aquelas persoas que non poidan recoller nese momento o vinilo identificador, poderán facelo ata as 19:00 horas na Caravana Morada contra a violencia de xénero, que estará aberta na Plazuela en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 19:00 horas. A caravana morada é un programa de sensibilización no que técnicas expertas en prevención e orientación contra a violencia de xénero repartirán material divulgativo e responderán a calquera dúbida dos veciños e veciñas que se acheguen.



