O Inorde, organismo adscrito á Deputación de Ourense encargado do impulso ao turismo provincial, está a promocionar o conxunto do destino tras a recente posta en marcha da liña directa de tren de Alta Velocidade desde o Mediterráneo a Galicia, en menos de cinco horas
Esta campaña, realizada co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, inclúe unha caseta informativa situada na estación ferroviaria de Alacante, que é atendido por un informador especializado para dar a coñecer os recursos turísticos do territorio
O Inorde, organismo dependente da Deputación, levou ata Alacante a campaña “Ourense Colle Velocidade” para promocionar o destino neste mercado emisor, que, desde o pasado mes de setembro, sitúase a menos de 5 horas de distancia nun tren directo. Esta actuación realízase co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.
A campaña “Ourense Colle Velocidade”, iniciada o ano pasado en Madrid coa chegada do AVE, inclúe a presenza dunha caseta informativa situada na estación ferroviaria de Alacante desde o que se están divulgando os recursos turísticos do conxunto da provincia, mediante a atención personalizada dun informador profesional nesta segunda quincena de novembro. O obxectivo é alcanzar unha maior notoriedade non só no mercado de Alacante, senón tamén entre os viaxeiros que chegan a esta cidade desde Madrid (situada a 2 horas) e chegar ao maior número posible de potenciais visitantes que son usuarios do tren.
“Estar a menos de cinco horas en tren de Alacante, permitiunos abrir un novo mercado de proximidade que debemos traballar porque nos converte nunha opción moi atractiva para o visitante que demanda un turismo de interior de calidade. A provincia de Ourense presenta unha oferta desestacionalizada con opcións para gozar dun modo tranquilo de todos os recursos cabeceira da nosa marca: patrimonio, natureza, enogastronomía e por suposto termalismo”, explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
A apertura o pasado 1 de xullo do túnel de Alta Velocidade entre a estación de Chamartín (onde chegan as frecuencias do AVE procedentes ou con destino a Galicia) a Atocha, permitiu, entre outras cousas, unha conexión directa desde o 13 de setembro con Alacante desde Ourense sen necesidade de facer transbordos, permitindo cruzar a Península en pouco menos de 5 horas (4 horas e 56 minutos) e, en sentido inverso, supón unha distancia de 5 horas e 10 minutos. Deste xeito, podes saír de Ourense en AVE ás 16:25 horas e chegar a Alacante ás 21:21 horas. E, ao revés, saír de Alacante ás 7:10 horas e chegar á capital ourensá ás 12:20 horas.
Ademais da presenza con este punto informativo e promocional, a campaña compleméntase cunha estratexia de márketing dixital e difusión a través de medios locais da área metropolitana de Alacante e Elxe.
A chegada da Alta Velocidade a Galicia o pasado ano converteu a Ourense no aeroporto terrestre de Galicia, como porta de entrada da mesma, o que supuxo un revulsivo transcendental para o desenvolvemento económico e social do territorio.



