Xunto cos plans de Mocidade, Empregabilidade e Limpeza de vías, plans, o programa de maior dimensión corresponde ás obras, servizos e rede viaria provincial, cun orzamento de máis de 6,2 millóns de euros. Tamén se aprobou un quinto programa para asistencia aos concellos na xestión do ciclo da auga
A corporación aprobou definitivamente o orzamento xeral da Deputación de Ourense para 2023, tras desestimar as alegacións formuladas ao documento inicial. Desestimáronse ademais as alegacións ao Programa Especial de Cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense, polo que tamén quedou aprobado definitivamente este documento
No capítulo de proposicións o pleno acordou instar á Xunta de Galicia a elaborar políticas e proxectos de apoio, impulso e execución de investimentos industriais na provincia de Ourense, así como esixir a aplicación dun 15 % de redución do canon de Sogama a todos aqueles concellos galegos que apliquen calquera sistema de separación e compostaxe da fracción orgánica
O pleno da Deputación de Ourense, reunido esta mañá na sesión ordinaria de novembro baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou catro programas de cooperación cos concellos para o próximo ano por un importe de 9 millóns de euros. Destes plans, o de maior dimensión corresponde ás obras, servizos e rede viaria provincial, cun orzamento de máis de 6,2 millóns de euros, dos que 4,7 son para obras municipais e o resto, 1,5 millóns, para a rede viaria provincial.
Polo que respecta ás obras, 4,4 millóns de euros destínanse á execución material dos traballos e o resto, 276.000, a servizos complementarios como asistencias técnicas para redacción de proxectos, dirección de obras e coordinación de seguridade e saúde. Cada concello recibirá 51.000 euros, dos que 48.000 investiranse nas obras e os 3.000 restantes nos servizos complementarios. A entidade local menor de Berán contará con 24.000 e 2.000 euros, respectivamente.
O documento inclúe na súa cláusula novena un réxime especial para os concellos a causa da conxuntura económica xeral, permitindo optar entre adherirse ás bases xerais do plan ou solicitar o ingreso nas arcas municipais de toda a achega provincial (51.000 euros) para amortizar créditos ou financiar gastos correntes pola prestación de servizos mínimos obrigatorios.
Os outros tres plans de cooperación aprobados foron os de Mocidade, Empregabilidade e, Limpeza das marxes viarias municipais.
O programa de Mocidade está dotado con 549.000 euros para financiar as actividades que os concellos de menos de 20.000 habitantes organicen para os máis novos. Os beneficiarios disporán dunha contía máxima de 6.000 euros -no caso de Berán son 3.000- ademais dos custos derivados da actividade subvencionada. Debido ás dificultades que se poden dar como consecuencia da conxuntura económica, esta dotación tamén poderá destinarse a gasto corrente naquelas cuestións que os concellos consideren máis urxentes e necesarias.
No tocante a Empregabilidade, a Deputación destina 1.830.000 euros para axudar ao mantemento dos servizos de competencia municipal mediante a contratación de persoal. Os concellos aos que va dirixido este plan contarán cunha subvención máxima de 20.000 euros, ademais dos custos vinculados ás contratacións. A contía para a entidade local menor de Berán será de 10.000 euros.
Polo que respecta á limpeza das marxes viarias municipais e provinciais, a dotación é de 450.000 euros e ten como obxectivo garantir o mantemento das estradas en axeitadas condicións de seguridade, así como cumprir coa lexislación galega en prevención de incendios. As entidades locais que resulten beneficiarias deste programa disporán dunha subvención máxima de 4.500 euros.
Tamén contou co visto bo da corporación un quinto programa, desta volta para a asistir ás entidades locais na xestión de servizos municipais do Ciclo da Auga en 2023. Unha carta de servizos, actualizada segundo as necesidades dos concellos, á que poden adherirse en calquera momento as entidades locais para dar cobertura ás asistencias que necesiten, sexan para abastecemento, saneamento ou augas de baño. Ademais de actualizar tarifas e custos, esta asistencia inclúe como novidade para o próximo ano a posta en marcha dunha avaliación de riscos e plans de acción para emendar posibles anomalías nas instalacións do ciclo integral da auga.
Aprobación definitiva do orzamento para 2023
Na sesión plenaria celebrada esta mañá no Pazo Provincial quedou aprobado definitivamente o orzamento xeral da Deputación de Ourense para 2023, tras desestimar as alegacións formuladas ao documento inicial en base ao informe emitido pola área de Intervención. Desestimáronse ademais as alegacións ao Programa Especial de Cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense, polo que tamén quedou aprobado definitivamente este documento.
A orde do día incluía outros asuntos de trámite como un convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e o Concello de San Cibrao das Viñas para a xestión e contratación delegada do servizo de explotación e mantemento da EDAR neste municipio, así como o cambio de data do pleno ordinario de decembro, que se celebrará día 23 cando correspondería o día 30, debido ás festas de Nadal.
Expediente de honra
A corporación ratificou a decisión da presidencia de iniciar o expediente de outorgamento da Medalla de Ouro da provincia ao filólogo e investigador Antonio Carreño González (Parada de Sil, 1939), solicitando á comisión de Cultura da Deputación o ditame favorable ao inicio do expediente, no que actuará como deputado instrutor o vicepresidente segundo César Fernández.
Con este recoñecemento, o goberno provincial quere homenaxear a amplísima traxectoria na literatura hispanoamericana e na crítica literaria contemporánea dun intelectual considerado como o experto máis importante do mundo en figuras da literatura española como Lope de Vega. Unha carreira internacional de primeiro nivel e con fonda pegada en universidades estadounidenses, sendo catedrático emérito da Brown University (Providence-Rhode Island).
Resposta institucional á violencia de xénero
Logo da súa aprobación en Xunta de Goberno, o pleno ratificou a adhesión á declaración institucional da FEMP polo 25-N, que sinala a necesidade de “seguir traballando na ruptura do silencio, a sensibilización e concienciación á cidadanía do problema estrutural da sociedade que supón a violencia machista”. O texto insta a “impulsar a formación dos axentes implicados para garantir unha resposta especializada e integral ás vítimas” e a ” mellorar a resposta institucional a todos os niveis, evitando o risco de vitimización secundaria e mellorando a confianza das vítimas”.
A declaración demanda o uso de “todos os recursos necesarios na asistencia, axuda e protección das vítimas, os seus fillos e fillas” e destaca que os concellos son, a maioría das veces, “o primeiro recurso e, en ocasións, o único do que dispoñen as mulleres en procura de reparo e denuncia da violencia que sofren”.
Investimentos industriais e canon de Sogama
No capítulo propositivo aprobáronse dúas mocións. Na primeira delas ínstase á Xunta de Galicia a elaborar políticas e proxectos de apoio, impulso e execución de investimentos industriais na provincia de Ourense, tanto de carácter público como mediante acordos público-privados, co fin de impulsar unha a mellora da economía local e para loitar contra o reto demográfico. Tamén se piden ao Goberno central políticas que estimulen a consolidación e crecemento do tecido industrial ourensán, co fin de lograr novos investimentos de gran tamaño para a provincia.
A segunda das propostas aprobadas esíxelle á Xunta de Galicia que aplique o 15 % de redución do canon de Sogama a todos aqueles concellos galegos que apliquen calquera sistema de separación e compostaxe da fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos (Forsu), dos recollidos na Lei 7/2022, de residuos e chan contaminados para unha economía circular. Unha redución que se aplicaría baixo o compromiso dunha cobertura de separación de biorresiduos de cando menos un 20 % da súa poboación total no ano 2023.



