• A tenente de alcalde e edil de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), sinalou que este ano non realizou minuto de silencio porque todas as mulleres que son vítimas da violencia machista “máis que silencio necesitan que alcemos a voz”
• Na concentración convocada ás portas do Consistorio, que incluíu a lectura do manifesto Concellos Galegos polo Bo Trato, impulsado pola FEGAMP, tomaron parte dirixentes políticos, persoal municipal e integrantes das asociacións do Consello da Muller
Membros da Corporación e persoal municipal, xunto ao alcalde, Luciano Sobral, a tenente alcalde e responsable de Igualdade, Silvia Díaz, e acompañados e acompañadas por representantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller, deixaron claro neste venres 25 de novembro que Poio planta cara á violencia machista. Precisamente, este é o lema da campaña organizada a través da Concellería de Igualdade e do CIM pola conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O acto institucional ás portas da Casa Consistorial serviu para lembrar “aos 47 nenos e nenas e ás 1.168 mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas” procedendo á lectura do manifesto ‘Concellos Galegos polo Bo Trato’, impulsado desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Tal e como explicou a tenente de alcalde e edil de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), antes de proceder á súa lectura, este ano non se realizou ningún minuto de silencio, porque “máis que silencio, as mulleres que a día de hoxe están a sufrir situacións de violencia machista o que máis precisan é que alcemos a voz”. A representante do Goberno municipal deixou claro que “a chave do cambio está na educación, en formar á xente nova nos valores da inclusión, do respecto pola diversidade e a igualdade, como nos ensinan os centros educativos do noso municipio, coas iniciativas que están a desenvolver para participar na campaña do 25N”.
“Hoxe é un día de loito, pero, sobre todo, de loita”, declarou Díaz, que puxo voz ao compromiso do Concello de Poio a “traballar sen escatimar esforzos nin medios que estean dentro das nosas posibilidades para priorizar as políticas e medidas contra a violencia de xénero, así como a facer fronte a todo tipo de maltrato e a fomentar a colaboración entre as administracións e a cidadanía”.
Cómpre lembrar que este domingo terá lugar a andaina ‘Paso a paso Libres de Violencia de Xénero’, con punto de encontro ás 10.30 horas e saída ás 11.00 desde o Bosque das Mulleres de Lourido, para chegar sobre as 12.30 horas á Praza da Chousa de Combarro.
Unha vez alí, as asociacións do Consello Municipal da Muller dará lectura ao manifesto conxunto e proxectarase o vídeo cos traballos realizados polos colectivos nos obradoiros que tamén se impulsaron para o tecido asociativo dentro da campaña ‘Poio planta cara á violencia’. O acto pecharase coa actuación musical da artista Cora Velasco.



